O BNG, chama aos e ás redondelás a participar “na recuperación da presenza de Galiza en Madrid.

Na tardiña do xoves 17, celebrouse a xuntanza para enfocar a Campaña das Xerais de novembro como “unha nova oportunidade para a recuperar a voz de Galiza en Madrid”. 
O BNG, chama aos e ás redondelás a participar “na recuperación da presenza de Galiza en Madrid.

Dende diversas intervencións dos e das asistentes, asumiuse a responsabilidade de que o Bloque Nacionalista Galego, vai ser a única forza que leve a Campaña á maior parte da veciñanza, “sen filtros mediáticos”.

Por terceira vez no que vai de ano, a militancia nacionalista de Redondela, porase a traballar cunha presenza constante na rúa, “para que o nacionalismo, e polo tanto Galiza volvan ter representación en Madrid”. Na Asemblea denunciouse a alianza de entre “quen se presenta como demócrata pero non quere que se fale de política, e aqueles que unicamente pretenden que a política se enfoque a traveso dos filtros mediáticos ao servizo do poder”.

Ante a “renuncia expresa a levar os problemas da nosa bisbarra ao Parlamento español, das forzas de obediencia estatal, que contaron cun importante apoio no mes de abril”, en referenza a PSOE, PP, e Unidas Podemos, “agora é o momento de emprazar ao conxunto de redondeláns, a apoiar ao BNG para que as demandas de Redondela, tamén se debatan en Madrid”, destacouse na Asemblea.

Coincidiuse, na nova oportunidade de que recuperar unha deputada por Pontevedra, “non só vai ser relevante para que Galiza volva a ter presenza no Parlamento do Estado, senón que mesmo pode ser definitivo na conformación dun goberno no que o apoio de forzas nacionalistas do conxunto do Estado, será crucial”.

Traspaso de AP-9, e eliminación da Peaxe de Rande; construción da Rotonda no Alto dos Valos; traspaso das competenzas ferroviarias para poñer en marcha un servizo de cercanías no que Redondela desenvolverá un papel central; maiores inversións en seguridade viaria nas estradas de titularidade estatal; recuperación dos terreos ocupados polas obras do AVE no Val do Maceiras;… Serían algunhas das propostas que o BNG, levaría ao Parlamento Galego a traveso da candidata Carme da Silva.

Destacan dende a organización nacionalista a presenza da compañeira Cecilia Pérez, nas listas ao Senado. En contraposición de figuras como Javier Bas, que escapou da política local cando deixou de formar parte do goberno, a nosa compañeira sempre estivo comprometida co nacionalismo e con Redondela e a súa bisbarra. Unha política de verdade, “que nunca deixou á veciñanza na estacada”.