O BNG celebra en Redondela o Día da Patria

O BNG celebra en Redondela o Día da Patria

A Alameda redondelá, converteuse unha vez máis no marco onde se desenvolveu o acto político, mais tamén lúdico, que convoca o BNG baixo o lema En pé por Galiza

Cecilia Pérez, como voceira do BNG redondelán, encargouse de iniciar as intervencións. Aproveitou para deixar ben claro o que significa a presenza do Partido Popular no goberno de Redondela: “deterioro dos servizos sociais, contratacións en precario, políticas para lucimento persoal”. Fixo referenza a que o principal partido da oposición, o PSOE, é unha nave sen rumbo pois, mentras afirman que van facer unhas cousas, na práctica realizan outras moi diferentes.

Denuncia da precariedade laboral, posta en marcha polos socialistas e agudizada polo PP, á que se ve sometida a mocidade galega. Este foi o eixo no que se centrou a intervención de Jessica Gacía, militante de Galiza Nova de Redondela. Tamén se referiu ao “interese do goberno español de impoñer o seu ideario, aprobando leis en contra da liberdade das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo”.

Acto do BNG polo día da Patria en Redondela.

Manuel Caride, como responsábel comarcal do BNG, referiuse á grave situación económica e industrial que está a vivir a bisbarra de Vigo, principal motor económico de Galiza. “Unhas enormes taxas de paro e precariedade laboral, perda de dereitos, peche de empresas, futuro incerto” reivindicando unha acción constante do nacionalismo “a prol dos intereses coleitivos e do futuro do País”. Como organización que acredita na liberación de todos os pobos do mundo, fixo referenza ao xenocidio que está a vivir a poboación de Gaza.

O voceiro nacional Xavier Vence, rematou as intervencións de carácter político. Ante un panorama en que Feijóo e Rajoy pretenden instalar o discurso de que o ue se está a facer é a única vía posíbel, Vence apostou “pola saída soberanista que o BNG abandeira”. Fixo balanzo de sete anos de crise sistémica caracterizada pola “perda de dereitos laborais, sociais e democráticos, iniciados polo PSOE, e que teñen o seu máximo expoñente nos gobernos do Partido Popular”.

No discurso do voceiro nacionalista desveláronse as políticas impostas pola Troika, o FMI, e o Banco Central Europeo: “Políticas ao servizo dos grandes poderes económicos, no que se agudizan a pasos axigantados as desigualdades.

Para Xavier Vence “existe unha vía alternativa, que acredita nas capacidades produtivas de Galiza, no que a alianza entre diversos sectores: comerciantes, pequeno empresariado, clase traballadora,... aposten por máis soberanía e autodeterminación do pobo galego. Máis democracia, maior capacidade do pobo galego para decidir, confianza no País, futuro para a xente nova”.

Intervención de Xavier Vence no acto do BNG en Redondela.

Finalmente emprazouse a todos os e as asistentes a participar nos actos do Día da Patria que na capital de Galiza se van celebrar o 24 e o 25 de xullo. O obxectivo, volver a ateigar a Praza da Quintana con milleiros de galegos e galegas que seguen a traballar pola dignidade de Galiza, por maior soberanía.

No acto tamén estiveron presentes a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila e a deputada no Parlamento Galego, Carme Adán, así como máis de 100 persoas que asistiron á convocatoria do BNG. O acto rematou cunha ofrenda floral ante a estatua de Castelao, e co canto do himno galego.

O BNG celebra en Redondela o Día da Patria