O BNG, considera “calamitosa” a situación dos centros de saúde de Redondela e Chapela.

Centro de Saude de Chapela- Faro de Vigo
Centro de Saude de Chapela- Faro de Vigo

Dende a organización nacionalista, teñen recollido numerosas incidencias nas últimas semanas. A situación agrávase nos meses de verán, responsabilizando directamente ao goberno da Xunta, pola precariedade na atención primaria na bisbarra redondelá.

 

O BNG, considera “calamitosa” a situación dos centros de saúde de Redondela e Chapela.

A situación que se está a vivir nos centros de saúde de Redondela e Chapela, é considerada dende o Bloque Nacionalista Galego, como “calamitosa”, situción que se ve agravada nos meses de verán. Lonxe de respostar ás necesidades sanitarias da Atención Primaria, o servizo atópase conxestionado, sen que os responsábeis da Área Sanitaria de Vigo lle busquen solución. Poñen en valor, dende o BNG, a profesionalidade do persoal sanitario, que en parte mitiga a precariedade da atención sanitaria.

“Estámonos atopando situacións, nas que solicitudes de citas ordinarias, dilátanse ata quince días. Isto provoca que os e as doentes, cheguen a colapsar urxencias, ou a recurrir directamente á atención no Hospital Álvaro Cunqueiro”, aseguran dende a organización nacionalista. Tamén se refiren a que en moitas ocasións, ante a falla de persoal, as urxencias dilátanse máis do razoábel, polo que a atención deteriórase. Recordan que o centro de saúde de Redondela, exerce de Punto de Atención Continuada, de referenza a concellos limítrofes como Pazos e Fornelos.

Outra das carencias que se está a producir, relatan dende o BNG, refírese á matrona que atende nos centros de saúde de Redondela e Chapela. “A baixa da especialista, non se cubrirá, como mínimo, ata mediados de setembro”, afirman.

Para os nacionalistas, a defensa da sanidade pública, como dereito universal de toda a veciñanza, constitúe un dos piares do seu traballo. “O anterior goberno encabezado por Javier Bas coñecía esta precariedade nos centros de saúde, e nunca demandaron melloras, calando ante o goberno de Feijóo”, afirman.

Queren poñer en valor dende o BNG, a profesionalidade do persoal sanitario que mitiga en parte o deterioro da sanidade pública malia a precariedade laboral aos que os empuxou a Xunta. Apuntan a que “a presión social en defensa da sanidade pública, constitúe o camiño para solventar este deterioro, sumándose a todas as movilizacións e inicitivas que sexan necesarias para mellorar a atención sanitaria á veciñanza”