O BNG considera a estación de Chapela, peza clave no Plan Transporte Metropolitano.

O BNG considera a estación de Chapela, peza clave no Plan Transporte Metropolitano.

Apostamos polo tren de cercanías como o medio máis eficiente para a comunicación coa cidade de Vigo.

O desenvolvemento dun Plan de Transporte Metropolitano en toda a área de incidencia da cidade de Vigo é, para o BNG, unha prioridade no traballo político tanto a nivel local como autonómico. Preséntasenos un reto a todas as forzas políticas para dar solución a unha das máis importantes demandas sociais: a mobilidade en transporte público.

Consideramos que a Xunta de Galiza está a actuar con improvisación, e a remolque das demandas da veciñanza, posto que ata que se presentou a problemática coa tarxeta verde en Vigo non se puxo unha proposta enriba da mesa.

 

Imprescidíbel tren de Cercanías.

O concello de Redondela goza dunha situación de privilexio na comunicación ferroviaria coa cidade de Vigo: unha estación en Redondela, un apeadoiro en Cesantes, ademais doutro no casco urbano de Redondela, e a estación de Chapela, o cal permitiría unha conexión rápida e eficiente coa estación de Guixar. Escasamente en 15 minutos poderían trasladarse centos de persoas ata o centro de Vigo dun xeito eficiente e económico.

O tráfico de persoas en transporte público minguou enormemente nas últimas décadas. O modelo imposto, primou o uso do vehículo particular, no que viaxan como moito unha ou dúas persoas, abandoando outras fórmulas máis respectuosas co entorno. Por este motivo consideramos imprescindíbel a potenciación do Tren de Cercanías para que o Plan de Transporte Metropolitano poida implementarse de xeito integral e eficaz.

 

Estación en Chapela

As declaracións feitas polo sumiso alcalde Javier Bas, no sentido de que o ministerio de Fomento non ía construír a estación en Chapela, supoñen un importante atranco no desenvolvemento do Plan de Transporte Metropolitano, a xuízo do BNG. Foi precisamente a problemática denunciada pola AA.VV. de Chapela, a que forzou a que todas as administracións retomaran o Transporte Metropolitano. E é precisamente a veciñanza de Chapela a que ve agora como o ministerio renuncia á construción dunha estación, cuxo proxecto xa se daba por feito.

Chapela soportou un sobrecuste da súa proximidade á cidade de Vigo. Ademais da temida ampliación, eliminouse o apeadoiro en Chapela, agravándose a situación coa problemática da tarxeta verde. O ministerio de Fomento, debe ter maior sensibilidade coa cidadanía. A estación era, ata hai pouco, unha realidade; ninguén dubidaba de que se ía construír. As respostas dadas á deputda Olalla Fernández (do BNG), en Madrid, así o confirmaban.

Dende o BNG emprazamos ao alcalde Javier Bas a apostar pola construción da estación en Chapela. Consideramos que a visita do Conselleiro de Infraestruturas a Redondela foi unha oportunidade perdida para que se priorizase nas demandas a Fomento.

Imos seguir traballando para que a construción da estación de Chapela non se paralice. Constitúe unha obriga, posto que se trata dunha peza clave para a creación dun Tren de Cercanías, e polo tanto dun verdadeiro sistema de mobilidade público e respectuoso co medio.

Xavier Balsas, responsábel local do BNG de Redondela.

 

O BNG considera a estación de Chapela, peza clave no Plan Transporte Metropolitano.