O BNG, critica que non se falara do Centro de Día de Cesantes, na visita de Feijóo.

O BNG, critica que non se falara do Centro de Día de Cesantes, na visita de Feijóo.

Cualifican de “falta de respeito aos veciños de Redondela” por non facer referenza á posta en marcha dun equipamento que leva rematado tres anos.

O Centro de Día de Cesantes, nunca constituíu unha prioridade para os gobernos do Partido Popular. Nin o da Xunta, nin o de Redondela”. Así o consideran dende a organización nacionalista, ao reclamar por enésima vez a apertura deste equipamento de carácter social. Adiamentos, falla de compromiso, cambios na súa finalidade, … atraso sobre atraso que aos únicos que perxudica é aos veciños e veciñas.

Recordan dende o BNG que o Centro de Día de cesantes, podería atender a 65 persoas maiores, 25 delas en réxime residencial. “Con elas, e coas súas familias é coas que está xogando o goberno galego. O alcalde, Javier Bas, cala mentras tanto, polo que actúa de xeito cómplice e vergoñento”.

Tamén sinalan que este equipamento, creará arredor de 60 postos de traballo de calidade, “cuestión que non é menor na nosa bisbarra”, apuntan.

A pasada semana tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de política social, Jose Manuel Rey estiveron en Redondela. O alcalde de Redondela, acompañounos en todo momento. “Nin unha soa referenza ao primeiro centro de día, do cuarto concello da provincia, algo que non debería supoñer unha grande nova, mais si o é”.

Consideran dende o BNG, que este adiamento na posta en marcha do Centro de Día, tén un marcado carácter eleitoralista. “Supoñemos que queren adialo o máximo posíble, para presentalo como un triunfo antes das eleicións galegas. Trátase dunha estratexia perfeitamente marcada polo PP”.

“Nin para a Xunta de Feijóo, nin para o goberno de Javier Bas os servizos sociais foron unha prioridade, como un dereito adquirido pola cidadanía. Manter pechado un centro que custou 2 millóns de euros, debería atender a 65 veciños e podería crear outros tantos postos de traballo direitos, constitúe un exemplo desta afirmación”, sinalan na súa nota a organización nacionalista.