O BNG cualifica de “neglixente” a xestión da Xunta no CAPD de Chapela con dous falecidos

Foto: Xornaldevigo
Foto: Xornaldevigo

Inexistencia de test, falta de material para evitar contaxios ao inicio da epidemia, desinformación á alcaldía de Redondela, negar como falecidos a dous dos residentes, son algúns dos aspectos que salientan.

O BNG cualifica de “neglixente” a xestión da Xunta no CAPD de Chapela con dous falecidos

Dende os primeiros días de extensión da epidemia, o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela, dependente da consellaría de Política Social, converteuse nun dos centros máis afectados pola extensión da enfermidade. Chegouse a un pico de setenta contaxiados e contaxiadas entre persoal e usuarios e usuarias, dúas das cales acabaron finando.

Quedou patente a neglixente xestión da xefatura territorial da Xunta de Galiza, abandonando á súa sorte aos traballadores e traballadoras na loita contra a expansión da epidemia, “só mitigada polo compromiso dos profesionais co apoio da dirección do centro”, afirman. Sinalan que entre o propio persoal titular, e aquel que conformaba as bolsas de traballo, instalouse o medo.

Á mala xestión sumouse o intento de silenciar o pasamento de dous dos usuari@s. “A requirimento dos grupos, a alcaldía de Redondela interesouse pola situación do persoal e usuarios e usuarias do centro. Dende a propia Xunta, negóuselle información á máxima  representante da veciñanza redondelá cando xa había un falecido, ao que se sumou outro nos seguintes días”, apunta o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González.

Consideran que se trata “dun acto inhumano, evitando recoñecer casos do CAPD de Chapela, por teren finado no hospital. Dende a Xunta desvinculouse a dous cidadáns falecidos, do que era o seu fogar. Exiximos que se desculpen ante as familias e os traballadores e traballadoras”.

Este descontrol e xestión deficitaria, entenden que debe levar á asunción de responsabilidades políticas na Consellaría de Política Social. “Podemos atoparnos nun dos episodios máis escuros na nosa bisbarra, en relación á xestión da epidemia motivada polo COVID-19”, afirman na nota emitida dende o BNG.

 

O BNG cualifica de “neglixente” a xestión da Xunta no CAPD de Chapela con dous falecidos