O BNG decide manterse á marxe do goberno de Redondela.

DSC_0015
Xoan Carlos González

“Seguiremos traballando con rigor, lealdade e compromiso ”, afirma o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González.

O BNG decide manterse á marxe do goberno de Redondela.

A noitiña do xoves pasado, a Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego de Redondela debateu a postura a tomar ante a conformación dun novo goberno municipal. “Nunha intensa e moi produtiva Asemblea con numerosas intervencións, adoptouse a decisión de manterse á marxe da conformación do novo goberno municipal, e seguir traballando con responsabilidade dende a oposición”, afirman dende a organización nacionalista.

Poñen en valor dende a Asemblea Local, “o feito de ter apoiado o cambio de goberno en Redondela respaldando a investidura da candidata do Partido Socialista”. Ademais de engadir que “conscientes de que a veciñanza deulle un importante apoio a  unha forza progresista, e outra que actúa no eido local, en alusión ao PSOE e AER,  debemos permitir que conformen un goberno composto por dez concelleiros e concelleiras”.

Non esqueceron na súa análise, os votos recibidos polo BNG na última cita electoral municipal, que lles permitiu subir ata os dous concelleiros. “Ante unha situación de minoría do novo bipartito, permitiranos incidir, e mesmo participar de decisións de calado beneficiosas para a veciñanza”.

“Seguimos defendendo un Proxecto para Redondela, inxerido nun Proxecto de País, máis social, máis xusto, que se centre nas nosas potencialidades, que non se mire o embigo. Mais consideramos que un concelleiro e unha concelleira, non son suficientes para levar este modelo adiante. Respectamos o lugar onde nos colocaron os e as redondeláns, cos seus votos.” Non negan a responsabilidade que supón traballar á marxe do goberno municipal, para construír un novo modelo de sociedade.

Pola súa banda o voceiro municipal nacionalista, Xoán Carlos González lanza unha mensaxe de tranquilidade ao comprometerse “a seguir tanto eu, como a compañeira Jéssica García traballando por defender aos colectivos e veciños e veciñas en xeral de Redondela, como sempre fixemos. Máis agora que lograrmos conectar con sectores que volven a vernos como verdadeiros interlocutores das súas problemáticas e das súas propostas”. Finalmente o voceiro do BNG salienta que as súas liñas de traballo basearanse “no rigor co que nos ten recoñecido moita xente, con lealdade coa veciñanza, co compromiso co noso Proxecto político”.

O BNG decide manterse á marxe do goberno de Redondela.