O BNG, demanda ao Concello de Redondela, bonificacións dos Centros Culturais, no pago do IBI.

Centro Cultural de Cedeira
Centro Cultural de Cedeira

Para os e as nacionalistas estas entidades suplen ao Concello na difusión cultural e actividades de lecer nas parroquias de Redondela

O BNG, demanda ao Concello de Redondela, bonificacións dos Centros Culturais, no pago do IBI.

“A regularización catastral, iniciada hai un ano afectará igualmente aos Centros Culturais das parroquias do Concello de Redondela, polo que solicitamos que como entidades sen ánimo de lucro, se lles aplique unha bonificación do Imposto de Bens Inmobles”, considera o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González. A proposta parte da demanda de diversas Asociacións, que xestionan estes Centros Culturais. “A regularización do catastro, cos efectos retroactivos de catro anos, suponlles que teñan que afrontar uns desembolsos moi elevados”, afirma, exemplificando o Centro Cultural de Cidadelle que pasa de pagar 60€ anuais, ata os 2.600€, dunha soa vez.

Segundo o concelleiro do BNG, estas entidades encárganse de dinamizar as parroquias a traveso dunha ampla e variada actividade cultural, de lecer e mesmo formativa, con todo tipo de cursos, charlas, actividades. Considera que manter os pagos anuais destes Centros, vai supoñer unha nova carga económica. “Con vontade política, Javier Bas pode iniciar o procedemento para a bonificación destas entidades”.

“O Concello de Redondela, pode chegar a recadar un millón cincocentos mil euros, con esta regularización catastral. O que deixara de ingresar polas bonificacións dos Centros Culturais podería ser unha parte moi pequena. Ademais o alcalde de Redondela, como responsábel de finanzas que fachendea de ser un bo xestor, seguramente saberá compensar estes mínimos ingresos”.

Por outra banda dende o BNG rexeitan a campaña desinformativa do goberno de Javier Bas, quen emprazaba aos veciños e veciñas a que pagaran tanto os 60€ de taxas, como os recibos, pois dese xeito legalizábanselle as construcións, cando non é así; “o que é ilegal vai seguir sendo ilegal”. Repróchanlle así mesmo ao goberno que non tiveran aberto unha oficina informativa en Chapela, animándoos segundo a concelleira Mari Carme Amoedo “a empregar a tarxeta metropolitana para desprazarse a Redondela”.

Pola súa banda, dentro da campaña informativa do Bloque Nacionalista Galego sobre o catastrazo, recomenda a todos os veciños e veciñas afectados, a presentaren alegación en calquera momento do ano. “No caso de que o Catastro lles dea a razón, ademais de reducir os recibos do vindeiro ano, mesmo poden devolverlle os cobros indebidos”, afirman.