O BNG demanda máis de 2.000.000€ de inversións en Redondela

O BNG demanda máis de 2.000.000€ de inversións en Redondela

Entre as emendas aos orzamentos da Xunta destacan a remodelación do Peirao de Cesantes, o inicio da Escola Infantil en Chapela, e a recuperación do Mercado de Gando en Redondela.

A traveso do seu Grupo Parlamentario, a Asemblea Local do BNG presentou varias emendas aos orzamentos da Xunta de Galiza. A pretensión dos nacionalistas pasa por que se realicen inversións por un valor superior aos 2 millóns de euros. Trataríase de asegurar inversións en equipamentos que permitan o desenvolvemento económico en sectores como o do marisqueo, gandeiro, de carácter educativo, cultural e medioambiental.

En torno a sectores produtivos, dende o BNG demandan novamente, a reconstrución do Peirao de Cesantes. As propostas pasan por pivotar o peirao, aumentando a súa lonxitude. Deste xeito, facilitaríase o movemento das correntes mariñas, e o atraque de barcos de maior calado. Asegurar a produción dos bancos marisqueiros, a mellora das condicións da Praia de Cesantes, facilitar que os barcos con destino a San Simón teñan o seu porto de referenza neste punto, xustifican a inversión do millón de euros que solicitan.

Outro dos sectores produtivos para os que reclaman melloras refírese á recuperación do Mercado de Gando. Hai varios anos que a Xunta, acabou con esta actividade económica. Redondela deixou de ser referencia para os concellos da comarca, na compravenda de gando a pequena escala. Prantexan 300.000€ como cantidade razoábel para recuperar e botar a andar esta actividade económica.

En canto aos equipamentos de carácter educativo, destacan tres propostas. Por un lado, os 180.000€ necesarios para a construción do patio cuberto no CEP Santa Mariña. Tamén os 300.000€ para o cambio de cuberta do CEIP Quintela. Como novidade inclúen 200.000€ para o inicio do Proxecto de construción da Escola Infantil (0-3 anos) para Chapela. Trátase dun equipamento de carácter educativo e social, moi demandado pola parroquia máis poboada do concello. Consideran que os Terreos de Ginaria, serían os máis axeitados para a construción desta infraestrutura.

Finalmente recollen entre as súas demandas unha partida de 235.000€ para o soterramento das liñas de Alta Tensión en Monte Penide. Un espazo declarado Ben de Interese Cultural, esgazado en grande parte pola instalación de varias liñas de alta e media tensión.

Consideran finalmente dende o BNG, que estas inversións por parte da Xunta de Galiza, para o cuarto concello da provincia, son máis que razoábeis e asumíbeis

O BNG demanda máis de 2.000.000€ de inversións en Redondela