O BNG demanda un novo proceso de avaliación ambiental do Porto de Vigo.

Aerea Ria
Foto: bing maps

“Presentamos unha moción ao Pleno, para que o Concello se dirixa ao Ministerio  exixindo de que se inicie un trámite máis aberto e participativo”, aclara o voceiro municipal Xoán Carlos González.

O BNG demanda un novo proceso de avaliación ambiental do Porto de Vigo.

Dende o mes de outubro está a disposición das diversas administracións o documento elaborado polo Porto de Vigo, sobre avaliación ambiental estratéxica simplificada, como trámite previo á aprobación do Documento de Espazos e Usos. “Unha sentenza da Audiencia Nacional do ano 2017, obrigaba a este ente dependente do ministerio de Fomento, a que publicitara o informe de avaliación ambiental”, sinalan dende a organización nacionalista.

O Documento de Espazos e Usos do Porto, DEUP, delimita aqueles espazos portuarios da beiramar da Ría, e a finalidade que se lle designa a cada un. No caso concreto de Redondela, dende a praia de Chapela ata Punta Soutela en Cedeira. Arredor de 220.000 metros cadrados da costa de Chapela, Trasmañó, e Cedeira vense afectadas neste documento.

“Estamos ante un trámite de avaliación ambiental, que segue a considerar como peiraos de almacenaxe, carga e descarga grande parte da Enseada San Simón, Rede Natura 2000”, apunta o voceiro nacionalista.  “Implica un movemento de camións, barcos, contaminación acústica, verquidos, aterres que non estamos dispostos a permitir”, apunta.

Sinala que hai outros treitos da costa como os de Punta Chapelisa, en Cabanas onde se pretende construír unha nave para a elaboración de fariñas. Tamén mantén como espazo de reserva do Porto os terreos do Estreito de Rande, situados baixo a autoestrada, ou os que se sitúan na Regasenda.

Para o edil nacionalista o goberno municipal non está actuando coa debida premura  nin responsabilidade neste tema. “A once de novembro, non se iniciara ningún procedemento informativo por parte dos responsábeis municipais. Os prazos rematan o quince de decembro”, apunta o edil nacionalista.

“Na moción pretendemos un posicionamento do Pleno en contra do documento porque os prazos esgótanse. Nela demandamos que o ministerio para a Transición Ecolóxica, arquive a actual avaliación, iniciando un novo proceso no que se consulte a outras entidades e colectivos sensíbeis co equilibrio medioambiental da Enseada.”, remata na súa nota Xoán Carlos González.

 

O BNG demanda un novo proceso de avaliación ambiental do Porto de Vigo.