O BNG denuncia desvío de fondos na Ampliación da Estrada de Vilar.

O BNG denuncia desvío de fondos na Ampliación da Estrada de Vilar.

Consideran que arredor duns trescentos metros orzamentados, non se construíron.

Despois de varios meses dende que se remataran as obras de ampliación da estrada provincial PO 2906, Os Valos-Guizán, dende a organización nacionalista advirten de numerosas irregularidades. Beirarúas que non se construíron, peches de fincas sen levantar, infraestructuras orzamentadas sen levar a cabo, son algunhas das actuacións que botan en falta.

Consultado pola organización nacionalista o Proxecto que existe no Concello, asinado en novembro de 2013, prantexaba unha obra de 1.5km. Neste Proxecto recollíase a construcción de beirarúas en ámbalas dúas marxes, ampliándose a vía ata os 9,60m. Tamén se construirían balados perimetrais para o peche das distintas fincas de ata 1m. de altura. Destacan dende a organización nacionalista que a obra prantexaba a reposición de infraestructuras como o alumeado público, abastecemento de augas, rede eléitrica ou telefónica.

A obra de ampliación da estrada PO 2906 Os Valos-Guizán supuxo un investimento de 1.200.000€. 1.000.000 posto pola Deputación e 200.000 aportados polo Concello de Redondela.

“Agora comprobamos como unha parte importante da obra planificada, non se levou a cabo. Concretamente dende o punto kilométrico 2.300 na marxe dereita, en sentido Guizán, e dende o 2.100 na marxe esquerda están sen facer. Nin beiravías, nin peches, nin infraestructuras”, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González. Pola contra levantáronse auténticos murallóns de máis de metro e medio.

Para o BNG trátase dunha desviación de fondos que afecta a unha obra de carácter público. Cargan as tintas principalmente no anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán. A Deputación, propietaria da estrada, e principal inversora do Proxecto, tén a súa responsabilidade, mais o Concello de Redondela, co seu alcalde Javier Bas á cabeza, exerceu cando menos de cómplice por omisión. Recordan que o concello aportou 200.000€, e debería ter realizado un seguemento estricto desta obra. “Para nós unha cacicada en toda regla. Existe un Proxecto, primaron unhas actuacións en interese partidista, abandoando a outros veciñ@s”, afirma o concelleiro nacionalista.

Trátase dun claro exemplo do que para o PP supón o exercicio do poder, convertindo a Deputación na súa parcela particular, que únicamente se servían de fondos públicos para cubrir os seus intereses particulares e de partido.