O BNG esixe a Javier Bas que exerza de alcalde e medie con Fomento a prol da seguridade da N-555.

O BNG esixe a Javier Bas que exerza de alcalde e medie con Fomento a prol da seguridade da N-555.

“ O Partido Popular renuncia a levar adiante o acordo plenario de xaneiro de 2013 para evitarlle problemas a Fomento”, afirma o noso concelleiro, Xoán Carlos González.

A proposta do goberno municipal de Redondela,  sobre a alternativa aos problemas de mobilidade na estrada N-555, confirman unha vez máis a falla de criterio coa que este actúa.  Para o Bloque Nacionalista Galego, con esta proposta do goberno de Javier Bas, “confírmase que ningunean os acordos plenarios”. En xaneiro de 2013 aprobouse unha moción presentada pola organización nacionalista apoiada por PSOE, AER e o propio PP. 

Mellorar a seguridade viaria e  xestionar a súa transferenza.

Dita moción recollía dous acordos. En primeiro lugar que o ministerio de Fomento, titular da estrada, levara a cabo as obras de mellora da seguridade viaria en toda a N-555, dende Vilar a Vilavella. En segundo lugar que dita estrada fora transferida á Xunta de Galiza.

“Os acordos plenarios son para cumprirse. A función do goberno municipal debe fundamentarse en traballar segundo os compromisos que adquire”. Para o BNG o PP carece desta capacidade. “En ningún momento tiveron intención de negociar e presionar ao ministerio para que se levaran a cabo as melloras na estrada”. Doutra volta son os veciños e veciñas de Vilar, Cabeiro, Negros, Cedeira e Vilavella os que sofren a desafección do goberno de Javier Bas cos seus verdadeiros problemas.

Recordamos igualmente dende o BNG que xa se teñen presentado diversas iniciativas ante o ministerio de Fomento, maioritariamente ignoradas. Nembargantes, o Partido Popular nunca moveu un dedo para solucionar o problema da N-555.

Actitude antidemocrática do goberno de Javier Bas

O grave da cuestión, segundo o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, consiste en que “o PP escenifica o apoio a unha moción co obxectivo de saír do paso, unicamente para amosar a súa cara máis amable. Nunca tiveron intención de mover un papel para solucionar unha situación que se viu agravada coas obras do AVE”.

Para os Bloque Nacionalista Galego, o goberno de Javier Bas carece de intención e interese para presionar ou xestionar ante os seus compañeiros de partido, que asuman os acordos plenarios. “Trátase dun desprezo evidente a un acordo tomado por unanimidade, polos lexítimos representantes dos veciños e veciñas de Redondela”.

O BNG esixe a Javier Bas que exerza de alcalde e medie con Fomento a prol da seguridade da N-555.