O BNG leva aos Consellos Parroquiais o rexeitamento á ampliación de Rande.

O BNG leva aos Consellos Parroquiais o rexeitamento á ampliación de Rande.

A iniciativa obedece á necesidade de desmontar as proposta do PP sobre a Ponte.

De “insulto á cidadanía”, segundo fontes do BNG, a iniciativa do Partido Popular sobre a Ampliación da Ponte de Rande. “Preténdese enganar a veciños e veciñas, afirmando que unicamente se respalda a ampliación na Ponte de Rande”.

Dende a organización nacionalista, pregúntanse se consideran tan ilusa á xente. “Acaso alguén pode pensar que unha vez feita a ampliación dos carrís, non van seguir coa obra por Cabanas e Chapela?”.

Na última xuntanza do Consello Local do BNG, valorouse moi negativamente dita iniciativa.Trátase dunha manobra urdida polo PP para tentar quedar ben con Fomento e  Audasa. Non existe outra explicación para o Bloque Nacionalista Galego, o motivo que moveu a esta forza a presentar unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego.

Despois de varios anos xogando cos veciños e veciñas de Chapela, Cabanas e Rande, o Partido Popular, amosa a súas intencións en canto á Ampliación da AP-9. Todos os estamentos deste partido están a favor da ampliación: tanto no Parlamento, no Congreso, como no Ministerio.“Veciños e veciñas, e os colectivos de Chapela, xa están cansos de que se lles utilice con medias verdades, ou defendendo en Redondela todo o contrario do que defenden en Compostela” aseguran fontes nacionalistas.

Acusan directamente ao deputado Alberto Pazos, de promover e apoiar esta iniciativa. Responsabilizan a Javier Bas, como presidente do Partido Popular en Redondela, por non teren parado dita proposta.

 

Consellos Parroquiais.

Co fin de reprobar a actitude do Partido Popular nesta materia, e apostar por un rexeitamento claro, conciso e contundente dos veciños e veciñas do concello a calquera tipo de ampliación da AP-9, o BNG vai levar aos diferentes Consellos Parroquiais un texto para seren aprobado.

Na súa parte resolutiva inclúense dous puntos:

 

  1.   Manter a oposición do Consello Parroquial á ampliación tanto da Ponte de Rande como da Autoestrada AP-9 ao seu paso polo concello de Redondela.
  2. Censurar o modo de actuar do Partido Popular, quen en Redondela vota en contra da ampliación, mentres que en Compostela ou Madrid defende a obra.

 

En palabras do responsábel local do BNG, Xavier Balsas, “debemos opornos sen fisuras a calquera proposta que poida xustificar unha obra faraónica que non vai resolver nada. Máis ben todo o contrario, agravar as condicións de vida de moitos veciños e veciñas. Imos seguir respaldando calquera iniciativa das forzas sociais e colectivos para seguir mobilizándonos e opoñéndonos a Ampliación”.