O BNG organiza un encontro con mariñeiros e mariscadoras en Redondela.

O BNG organiza un encontro con mariñeiros e mariscadoras en Redondela.

O BNG de Redondela organiza un encontro aberto con mariñeiros, mariscadoras e mariscadores do noso concello, que terá lugar o martes día 13 de xaneiro ás 18:00 horas na casa da cultura.

Neste acto, ao que asistirán o voceiro de pesca e deputado do BNG no Parlamento Galego, Daniel Rodas, a eurodeputada Ana Miranda e a voceira do  BNG no noso concello, Cecilia Perez. Trataranse diversos temas xurdidos no sector pesqueiro e marisqueiro,  como son: a problemática xurdida tras o peche da pesquería da sardiña e a proposta de prohibición da arte do “xeito” por parte da UE, que se vai debater o vindeiro día 21 de xaneiro, así como o recorte  do TAC e cotas en diversas especies para o ano 2015, sendo as máis destacadas un 26% para o xurelo e un 15% para a pesca da xarda.

No que se refere ao marisqueo, abordarase a grave crise que está a producir no sector a problemática da mortandade dalgúns moluscos, como son a ameixa e o berberecho. Isto fai que o volume de capturas se vexa reducido en máis dun 50% e os ingresos  das mariscadoras e mariscadores caian a niveis do ano 2007. Todo isto diante da pasividade e ineficacia da Consellería do Mar e do Presidente da Xunta.

O BNG de Redondela non quere permanecer pasivo ante esta grave situación dun sector produtivo vital para o noso concello, e por isto pretende compaxinar o traballo institucional en todos os ámbitos competenciais onde ten representación coa información de primeira man ás persoas afectadas. Froito desta forma de traballar foi a viaxe, hai unhas semanas, dunha representación de mariñeiros de Redondela a Bruxelas da man de Ana Miranda, así como outros encontros informativos co sector na nosa vila.

Así, a organización nacionalista convida ao encontro deste martes a todas as persoas que teñan interese en coñecer de primeira man a problemática do sector e tamén ás persoas que queiran compartir co deputado Daniel Rodas e a eurodeputada Ana Miranda as súas propostas e inquedanzas.

 

Afectados pola prohibición de pesaca da Sardiña e Xurel trala xuntanza con Ana Miranda, Cecilia Pérez e Daniel Rodas en Redondela.

O BNG organiza un encontro con mariñeiros e mariscadoras en Redondela.