O BNG presenta a Ana Miranda, como o “único garante da presenza de Galiza en Europa"

O BNG presenta a Ana Miranda, como o “único garante da presenza de Galiza en Europa"

Nos diferentes Actos Públicos que con motivo das Europeas o BNG está a desenvolver en diferentes parroquias do concello, preséntase a Ana Miranda, eurodeputada durante ano e medio como “o único garante de que os problemas reais da Galiza van ter presenza no Parlamento Europeo”.

Ana Miranda en Redondela.

“Para as vindeiras Eleccións somentes hai dous camiños, ou votar opcións nas que os problemas de Galiza van seguir sendo secundarios, ou votar á única forza que vai levar os problemas e tamén as solucións ao Parlamento Europeo, en clave de País. Porque Si o BNG está, Galiza está”. Con esta contundencia, estanse a expresar os e as militantes nacionalistas nos diferentes actos, e encontros que nas últimas semanas teñen realizado.

“Fronte ás dúas grandes forzas políticas, como son PP/PSOE, que o único que prantexan é pasar polas eleccións o máis rápido posíbel, para que todo siga igual. Fronte a forzas de carácter estatal como PP/PSOE/IU/UPD, que unicamente enfocan a súa xestión dende a concepción de Madrid. Defendemos a presenza do BNG no Parlamento Europeo, como a única forza que defende os intereses do pobo galego”.

 

A actividade de Ana Miranda

“Quen prantexou a necesidade de que unha Comisión visitara as nosas Rías para que de verdade se coñecera en que se investiron os Fondos de Cohesión? O BNG, a traveso de Ana Miranda”.

“Quen traballou a prol de que as cotas da xarda foran redistribuídas en función de criterios de beneficio social, de sector produtivo, e en clave de País? O BNG, a traveso de Ana Miranda”.

“Quen mediou para que representantes do sector pesqueiro, incluídos da Confraría de Cesantes, mantiveran xuntanzas con altos cargos da Unión Europea para que houbera un cambio de rumbo nas súas políticas? O BNG, a traveso de Ana Miranda”.

“Quen xestionou encontros dos estaleiros co Comisario,o español Joaquín Almunia para que se levantaran os vetos do Tax Lease? O BNG, a traveso de Ana Miranda”.

“Quen levou a voz dos e das preferentistas, non só dos afectados por NCG, senón de grupos doutras partes do Estado afectados polas de Bankia,  ante a Unión Europea? O BNG, a traveso de Ana Miranda”.

 

Acto público do BNG en Chapela.

A solución galega

Estas, e outras moitas, foron os destaques aos que se teñen referido nos diferentes encontros parroquiais membros do BNG. Comprometen, dende a organización nacionalista, a que coa presenza ante o Parlamento Europeo, non só imos levar os problemas de Galiza, senón que tamén imos aportar as nosas solucións.

“Somos un pobo potente. Vivimos nun País con recursos e con futuro. Negamos a imaxe de País pobre e subvencionado. Máis ben somos un País empobrecido polas políticas exercidas polo PP/PSOE. Acreditamos no futuro de Galiza, mesmo cuestionando a pertenza a esta Unión Europea ao servizo dos estados e dos mercados”.

Seguen animando a todos os veciños e veciñas a rebelarse o 25 de maio, exercendo o seu dereito a voto, e votando BNG. Porque se o BNG está, Galiza está!

Se o BNG Está! Galiza Está!

O BNG presenta a Ana Miranda, como o “único garante da presenza de Galiza en Europa"