O BNG de Redondela defende que o Concello debe fomentar as madamas e galáns de Cabeiro.

O BNG de Redondela defende que o Concello debe fomentar as madamas e galáns de Cabeiro.

Redondela, e en concreto a parroquia de Cabeiro, manteñen algunhas das danzas máis tradicionais vinculadas ao Entroido. O Concello, non pode deixar morrer este tipo de bailes de fonda pegada popular, senón que debe poñelos en valor, como parte do noso patrimonio inmaterial.

Coincidindo coas festas do Entroido, tradicionalmente na parroquia de Cabeiro,  formábanse grupos de Madamas e Galáns que percorrían os distintos barrios. Mesmo se chegaban a establecer competicións de bailes entre os diversos grupos. Os e as danzantes, lucían traxes de grande vistosidade e colorido.

Trátase dunha celebración do Entroido, moi similar á que se realiza noutras zoas da nosa contorna. Hoxe en día, esta tradición, está a piques de desaparecer, polo que cómpre un apoio decidido, para poñer en valor estes bailes de marcado perfil popular.

Levan varios anos, un grupo de veciños e veciñas da parroquia de Cabeiro, mantendo, con máis vontade que apoio do Concello, esta tradición de madamas e galáns. Unha tradición de carácter popular, que corre serio risco de desaparecer.

A principal función dun Concello debe ser a de promover aqueles aspectos da nosa cultura popular, para que sexan transmitidos nas mellores condicións posíbeis, ás seguintes xeracións. Trátase de actuar con lóxica, en coordinación co movemento cultural parroquial, como elemento de enriquecemento social.

Hoxe en día estas tradicións, estanse vendo seriamente ameazadas por outro tipo de manifestación máis plásticas que contan con inxentes cantidades de cartos para investir.  O empeño do BNG, vai seguir o camiño de defender as Madamas e Galáns de Cabeiro.

Dende o BNG, acreditamos en que este tipo de manifestacións nacidas no seo da cultura das nosas parroquias, debe ser mimada polo Concello. Constitúe un reto, revitalizar, poñer en valor e difundir todo un legado, que os veciños e veciñas de Cabeiro, transmitiron durante xeracións.

P1050040

P1050034

 

O BNG de Redondela defende que o Concello debe fomentar as madamas e galáns de Cabeiro.