O BNG de Redondela solicita medidas integrais para "Os Eidos"

O BNG de Redondela solicita medidas integrais para "Os Eidos"

A dotación de espazos de lecer, mellora na seguridade viaria e maior presenza dos equipos de limpeza, entre as medidas solicitadas.

Nun escrito dirixido ao alcalde Javier Bas, o grupo municipal do BNG de Redondela, vén de solicitar unha xeira de medidas centradas na zoa de Os Eidos, en Redondela. Segundo Cecilia Pérez, “trátase dunha zoa urbana, que nos últimos anos estase degradando dun xeito preocupante”.

A pesares de atoparse a poucos metros do centro urbán, a organización nacionalista considera urxente a elaboración dun plan de intervención neste espazo. “A construcción da nova estación, supuxo un revulsivo para esta zoa, mais o retraso nas obras, están supoñendo un atranco”, afirma.

 

Alto índice de poboación moza.

No entorno de Os Eidos, construíronse na última década varios bloques de edificios, sumándose as xa existentes, converténdose nun dos núcleos de expansión de Redondela. Na actualidade varios centos de familias conviven nesta zoa. “A maioría desas familias están conformadas por xente nova, con cativ@s, polo que o obxectivo do goberno municipal, debería ser a mellora das condicións de habitabilidade nos espazos comúns”. Nas inmediacións están situadas varias ludotecas, e escolas infantís.

“Tamén se trata dun lugar de paso nos desprazamentos cara a Reboreda. A previsión de aumento no movemento de vehículos, supón que medrará unha vez se abra á circulación a estación de tren”.

 

Medidas a poñer en marcha nos Eidos.

“Ante a inactividade do goberno de Javier Bas, exiximos unha serie de actuacións a poñer en marcha nos vindeiros meses”, continúa a voceira nacionalista.

Consideramos prioritaria a adaptación dunha área pública, como espazo de convivenza e encontro das numerosas familias que viven nos Eidos. Existe unha área de 700 m2 de titularidade municipal, cuxa finalidade debe ser a de adicarse a de zoa de lecer.

De xeito paralelo, “a mellora da seguridade viaria”, considera Cecilia Pérez, que debe centrarse en construcción de pasos de peóns sobre lombos, xunto á sinalización de apoio e a limitación da velocidade. “ Trátase dunha estrada de paso cara a Reboreda, que nos vindeiros anos vai ver aumentada a intensidade de tráfico. Mesmo existen varias ludotecas e escolas infantís, co que o movemento de cativ@s e familias é moi frecuente”, apunta.

Outra das medidas que pedimos, é unha presenza continuada do servizo de limpeza nos Eidos, xunto á dotación dun maior número de papeleiras.

Por mor da crise na que nos atopamos, algúns dos proxectos de construcción de varias edificacións, estanse prorrogando. Tamén imos solicitar que o alcalde tome a iniciativa de contactar cos constructores. O obxectivo é o de que se desmonte as grúas existentes, algunha xa foi desmontada de xeito voluntario, se tapie dun xeito seguro o perímetro destes solares, e mesmo se rematen algunhas das fachadas, para mellorar a estética do entorno, á espera dun cambio na situación económica, e poder rematalos definitivamente.

“Agardamos que estas propostas sexan tidas en conta dende o goberno de Javier Bas. Consideramos que Os Eidos, non pode agardar máis a que se tomen medidas para incentivar e mellorar a convivenza neste importante espazo de convivenza”, remata na súa nota Cecilia Pérez.

Imaxe de Os Eidos

Imaxe de Os Eidos

O BNG de Redondela solicita medidas integrais para "Os Eidos"