O BNG responsabiliza ao alcalde Javier Bas da perda de financiamento da escola infantil de Chapela.

O BNG responsabiliza ao alcalde Javier Bas da perda de financiamento da escola infantil de Chapela.

Para Cecilia Pérez, “trátase dunha mostra de falla de proxecto e planificación”.

A perda de financiamento para a construción da escola infantil en Chapela, supón un barapau para as demandas dun importante sector da poboación, en concreto das familias novas e os seus fill@s. “Hai anos que se está a traballar no tema, para que moitos cativos e cativas de Chapela e Trasmañó poidan facer uso dunha escola infantil pública” afirma a nosa voceira Cecilia Pérez.

Levar a cabo a construción deste equipamento, converteuse nos últimos anos nun dos reclamos publicitarios do goberno de Javier Bas. “Fixeron todo tipo de propostas do máis peregrinas, pero o único importante para o goberno constituíao o feito de poder anunciar unha obra”, considera Cecilia Pérez.

Recordamos como primeiro plantexaron a instalación da escola infantil nos baixos do Colexio Público de Angorén. A pronta reacción da comunidade educativa paroulle os pes tanto á concelleira de ensino como ao alcalde. O espazo no que se ía facer non cumpría as condicións mínimas para garantir a calidade no servizo.

Máis tarde quixeron botar man do antigo colexio de Trasmañó, o que suporía un novo fracaso para o futuro dunha escola infantil de carácter público. A posíbel ubicación neste espazo complicaría moito as cousas ás familias, e mesmo a viabilidade da mesma.

Entremedias presentouse unha moción no Pleno do Concello no que se instaba a que a gardería se ubicara nun entorno accesíbel para as familias, céntrico,... A finca de Ginaria cumpría todos os requisitos. Unha vez máis ao goberno de Javier Bas, asumir as mocións simplemente lle supuxo un tempo extra para tentar manobrar e sacar tallada.

Seguiu teimando o goberno municipal noutras alternativas. Mesmo nalgún momento,  plantexouse o famoso edificio paralizado na entrada da autoestrada. Tamén barallouse a posibilidade de terreos da Comunidade de Montes a carón do CAMP.

Agora coa perda de 600.000 euros para a construción da escola infantil, quen máis o van  sufrir son as familias e os cativos e cativas de Chapela. “Por mor da falla de planificación e previsión do goberno municipal, esta importante infraestrutura de carácter público e educativo vaise ver paralizada.

“Esiximos responsabilidades, e quen debe asumilas non é nin máis nin menos, que o alcalde Javier Bas”, conclúe Cecilia Pérez.

Cecilia Pérez nunha intervención no Pleno de Redondela.
Cecilia Pérez nunha intervención no Pleno de Redondela.

O BNG responsabiliza ao alcalde Javier Bas da perda de financiamento da escola infantil de Chapela.