O “BNG” solicita información sobre os fedores procedentes de AUCOSA.

AUCOSA

Durante unha semana do mes de xaneiro, as parroquias de Trasmañó e Chapela, padeceron os intensos cheiros desta empresa produtora de fariñas a partires de sobras de peixe, ubicada na beiramar de Cabanas. “As queixas de veciños e veciñas, referíanse a varios días, que mesmo lles impediron a abrir as fiestras”, segundo o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González.

O “BNG” solicita información sobre os fedores procedentes de AUCOSA.

Nun escrito presentado o 28 de xaneiro o voceiro nacionalista, preguntáballe ao alcalde de Redondela, Javier Bas, sobre a problemática orixinada nesta factoría. Varias semanas despois, “a calada, a falla de información é a única resposta da que dispoñemos”.

No escrito presentado, pretendíase saber se o Concello de Redondela, “ten recibido máis denuncias sobre este período con malos cheiros e fedores, ou de calquera outro de carácter puntual, e se se teñen iniciado algún tipo de expedientes co fin de coñecer se a empresa incumpre algún tipo de normativa”.

Recorda o edil do BNG, como a empresa AUCOSA, desenvolve unha actividade na beiramar de Redondela na propia Rede Natura 2000, en terreos da Autoridade Portuaria de Vigo. “O consello de administración deste ente, no que Javier Bas participa como alcalde de Redondela, acaba de prorrogar a actividade ata o 2029, malia que existen sentenzas que poñen en dúbida a súa actividade”. “Solicitamos que se nos facilitara copia da acta desta xuntanza, respostándonos cal era a finalidade, como se non se tratase dun ente de carácter público, e o BNG, unha organización obrigada a defender os intereses da veciñanza. Nunha falla total de transparenza”.

Xoán Carlos González, afirma que a empresa debe sufrir un constante seguimento por parte do Concello para evitar as molestias aos veciños e veciñas, cuestión que non se está a cumprir. “Mesmo o alcalde de Redondela, organizou unha asemblea para apoiar a ampliación da factoría, que lle vai supoñer pingües beneficios á Autoridade Portuaria. Pola contra negouse a subirlle o IBI, para non incomodalos”, afirma. “Lonxe de estar ao servizo da veciñanza, Javier Bas volve demostrar que prima os intereses de entidades como a Autoridade Portuaria, controlados polo Partido Popular, e de empresas que coidan unicamente os seus dividendos”, remata na nota o edil nacionalista.

O “BNG” solicita información sobre os fedores procedentes de AUCOSA.