O BNG, valora como “gasto incontrolado a recuperación da finca de Fenosa, polo goberno de Javier Bas”.

Avatar Redondela
Avatar Redondela

 “Unha fonte por valor de 8.200 €, e unhas tumbonas por 4.000 €, entre os caprichos de Javier Bas”, afirma o voceiro municipal.

O BNG, valora como “gasto incontrolado a recuperación da finca de Fenosa, polo goberno de Javier Bas”.

Durante as últimas semanas dende a organización nacionalista realizou un traballo de seguimento para coñecer o montante total da inversión. A remodelación da antiga parcela na que se situaba o edificio de Fenosa, “foi máis alá do razoábel, para volver a converterse nun exemplo de gasto sen control”.

Vía subvención da Xunta de Galiza, investíronse 280.000 € no pago das nóminas a 20 traballadores/as, co Obradoiro de emprego Redondela Vila Bela. No estudio realizado dende o BNG, consideran que existe unha serie de intervencións que están fóra de toda a lóxica na xestión dos cartos públicos.

Inicialmente, froito da cesión desta finca de catrocentos metros cadrados por parte de Fenosa, o Concello tivo que afrontar unha inversión de 60.000 €. Unha parte da facturación, 26.500 €, xusficáronse vía subvención da Xunta, para facilitar a formación dos 20 alumnos e alumnas que alí traballaron.

A cuestión entra xa no campo do gasto sen control, ao investir o goberno de Javier Bas  outros 50.000 € de fondos do concello, en intervencións que se foron engadindo. “Entre as facturas máis destacadas, sinala o edil do BNG, Xoán Carlos González, pagadas con fondos do Concello sinala a instalación dunha fonte por un importe de 8.200 €. “Isto significa que se investiu máis neste elemento que en todas as Traídas de Auga xuntas  nos sete anos de xestión de Javier Bas como alcalde”, recalca o edil nacionalista. Outras das compras que chamaron a atención, refírese aos  4.000 € para unhas tumbonas de pedra, o que consideramos “gasto excesivo”.

Segundo o edil nacionalista “mentres que diversas obras realizadas nos últimos meses en Redondela céntranse nos mesmos espazos, existen barrios como Eidos, Esfarrapada ou Picota, que reciben inversión 0. “O interese do goberno de Javier Bas,  céntrase en prantexar actuacións de impacto mediático, sen atender prioritariamente ás demandas veciñais”.

Xoán Carlos González, recoñece a necesidade de recuperación desta parcela, mais criticando que se realice un gasto desorbitado, “con fins electoralistas”. “Dende o BNG, somos da filosofía de recuperar espazos de lecer e esparcemento, nos cascos urbáns, preto de onde vive a xente. Volver a ocupar as rúas para a veciñanza é moito máis que un slogan, constitúe un cambio no modelo”, apunta Xoán Carlos González