O BNG ve inxustificábel catro meses sen psicóloga no Centro de Información á Muller.

Dende que no mes de xullo no que a titular da praza sufrira un accidente, o servizo de apoio psicolóxico do CIM, carece de atención profesional.

O BNG ve inxustificábel catro meses sen psicóloga no Centro de Información á Muller.

O goberno de Javier Bas, tardou máis de dous meses en iniciar os trámites para substituíla. “Constitúe unha falla de respecto, de solidariedade e un desprezo total ás redondelás que sofren violencia de xénero”, afirma o voceiro municipal, Xoán Carlos González.

“O apoio psicolóxico, o tratamento das graves secuelas que sofren as mulleres vítimas de maltratos, constitúe unha das primeiras tarefas que se debe abordar dende a institución municipal”, segundo o edil nacionalista. Recorda que o BNG puxo en marcha este servizo, en condicións moi complexas, xa no ano 2005, para prestar profesionalmente todo o apoio e asesoramento a unha situación de sufrimento e inxustiza que padecían moitas veciñas.

Considera o edil nacionalista que o goberno de Javier Bas, “malia que constituíu unha bolsa de emprego, actuou con pasividade e  neglixencia, ao botar máis de dous meses sen que moveran un papel. O resultado, que durante catro meses, catro, as vítimas de violencia de xénero de Redondela, careceron de asesoramento e supervisión psicolóxica”, denuncia.

“Cedémoslle ao alcalde de Redondela todo o protagonismo que queira ter, en campañas de publicidade e propaganda, tamén coa violencia de xénero. Denunciamos a súa pasividade, na resolución dunha situación que consideramos gravísima”, considera Xoán Carlos González.

No Pleno de outubro, mediante unha moción, o edil nacionalista xa denunciou a pasividade dos responsábeis municipais ante unha situación tan grave. “Os feitos demostran que ante a baixa do perfil da psicóloga encargada de prestar apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero, o goberno de Javier Bas, volve a amosar un desinterese absoluto. Demóstrase que manter un goberno do PP en Redondela, volve supoñer uns resultados moi negativos”, remata na súa nota o edil do BNG.