Cecilia Pérez: “A ampliación, o grande fracaso de Javier Bas”.

Cecilia Pérez: “A ampliación, o grande fracaso de Javier Bas”.

Sen medias tintas, así de clara e concisa expresouse a voceira do BNG durante o debate da moción presentada pola Plataforma de Afectados. Despois de anos batallando contra unha ampliación que “non vai solventar o problema de tráfico, Chapela vai ser a grande sacrificada”.

Anunciou Cecilia Pérez, que ata entón o BNG mantívose “por responsabilidade, fiel aos acordos tomados en Pleno, para que as forzas políticas traballaran conxuntamente, mais a partir de agora a nosa organización vai actuar pola súa conta”.

Insistiu a voceira nacionalista ao longo da súa intervención na estratexia desmobilizadora do goberno municipal, a respecto dos colectivos en contra da obra. “A ampliación da autoestrada en Trasmañó e Chapela, convértese no fracaso, o grande fracaso de Javier Bas”.

A resposta, por parte do goberno municipal, viu de man do que se ten considerado como auténtico “adalid de Chapela”, presidente do Consello Parroquial, Miguel A. Ballesteros. Unha das afirmacións máis duras que fixo, foi cando se referiu a que “trátase dunha obra que ven imposta polo ministerio e por unha grande empresa, e que o concello pouco ou nada pode facer”. Tantos anos despois, tantas brabuconadas dende o PP, mocións ao Pleno, manifestacións para que agora se chegue a unha conclusión, da que o BNG xa sospeitaba.

Cecilia Pérez, referiuse a que o BNG, por medio da deputada Olaia Fernández, presentou numerosas iniciativas no Congreso co fin de que a obra non fora adiante. Pola súa contra “o alcalde non foi recibido pola ministra Ana Pastor”. Recorda que poucos días antes de que se publicitara a información relativa ás expropiacións, a ministra estivo en Redondela comendo a conta do concello. Oportunidade perdida para concertar un encontro coa Plataforma, cousa que non sucedeu.

Primeiro José Blanco, como ministro do PSOE, Abel Caballero, alcalde de Vigo, e despois Ana Pastor, como responsábel de Fomento, foron as persoas claves neste problema. Mais hai un convidado que desenvolve un papel crucial nesta ampliación: AUDASA. A empresa, que recolle elevados beneficios todos os anos pola concesión da Autoestrada, e a quen tanto os de antes como os de agora seguen a defender.

Como non podía ser doutro xeito a voceira nacionalista apoiou o dereito de veciños e veciñas afectados a que se lle pague polos bens expropiados, e a que o impacto da obra sexa o menor posíbel.

O BNG vai seguir actuando no seguimento das obras, desenvolvendo iniciativas parlamentares, vixiando as condicións nas que van convivir os veciños e veciñas de Chapela.

Non Ampliación da Ponte de Rande