“Co BNG no goberno o aparcadoiro da Alameda non se privatizará”, afirma Xoán Carlos González.

“Co BNG no goberno o aparcadoiro da Alameda non se privatizará”, afirma Xoán Carlos González.

Recorda que o sistema de rotación de aparcadoiros implantouno o BNG, mais o actual goberno, traballou para facelo fracasar. Hai xa varios anos que o goberno de Javier Bas, pretendeu levar a cabo a privatización do aparcadoiro; a denuncia da forza nacionalista, e a presión social, frearon esta iniciativa.

As declaracións feitas dende o goberno de Javier Bas, en defensa da inversión de 120.000€ para instalación dun sistema de control de aparcadoiros mediante barreiras, constitúen, a xuízo do BNG, “unha clara demostración do cinismo co que actúan”. O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, recorda como hai varios anos que prantexaron esta posibilidade, mais a resposta cidadá, que a vía como un novo instrumento de privatización de espazos públicos, parou ao goberno de Javier Bas.

“Agora demóstrase que seguiron traballando no tema, cortando as árbores existentes, investindo 43.000€ en asfaltar e pintar o aparcadoiro, todo isto sumado á proposta de investir 120.000€, para llelo ceder, antes ou despois a algunha empresa”, segundo Xoán Carlos González.

Tamén se detén a analizar a nota emitida polo goberno municipal, para afirmar “que o goberno do Partido Popular fale de que se vai facer unha xestión pública do aparcadoiro, causa estupor, posto que a cada paso que deron demostrouse todo o contrario. Simplemente están a gañar tempo para pasar as eleccións. A partires de maio, esta proposta vai ser arquivada. O aparcadoiro de A Alameda, co BNG no goberno non vai ser privatizado”, declara o concelleiro e candidato á alcaldía pola organización nacionalista.

Segundo o concelleiro nacionalista, “se a xestión, por parte do goberno de Javier Bas de toda esta inversión no aparcadoiro da Alameda vai ser similar ao control da zoa azul, claramente vanno facer fracasar, para que o asuma unha empresa”.

Para Xoán Carlos González, “o anterior sistema de zoa de azul de estacionamento, con todos os problemas que tiña, estaba dando bos resultados. Unicamente o desinterese do concelleiro de tráfico, co claro obxectivo de deterioralo para poder privatizalo, fixeron fracasar definitivamente o sistema”, denuncia Xoán Carlos González.

Destaca o concelleiro nacionalista, que se atopan neste tema nas antípodas do goberno de Javier Bas. “Dende o BNG imos traballar para que as medidas de control do tráfico de vehículos particulares, vaian acompañadas de fomento de medios alternativos, dos desprazamentos a pé. Imos actuar para gañar espazos para peóns, e para a mellora da calidade de vida nos núcleos de Redondela e Chapela”, conclúe na súa nota Xoán Carlos González.

Xoan Carlos González, concelleiro do BNG en Redondela.

“Co BNG no goberno o aparcadoiro da Alameda non se privatizará”, afirma Xoán Carlos González.