Comunicado do BNG, en apoio á ANPA do CEIP Cedeira.

Foto: ANPA CEIP Cedeira
Foto: ANPA CEIP Cedeira
Comunicado do BNG, en apoio á ANPA do CEIP Cedeira.

Ante os últimos acontecementos que se están a vivir por parte da comunidade educativa do CEIP Cediera, dende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela queremos manifestar:

1. O noso total apoio ás súas xustas reivindicacións da ANPA do CEIP Cedeira en aras dunha mellora do ensino publico en Redondela.

2. Coincidimos na demanda de dotar ao centro de máis profesorado para manter o desdobre do alumnado de sexto curso de primaria, tal como se comprometeron dende a Consellaría de Ensino.

3. Recoñecer o labor divulgador e movilizador que desta problemática en concreto, puxo en marcha a ANPA, co apoio do equipo directivo. Só a torpeza dos responsábeis da Consellaría, forzaron a tomar medidas tan drásticas como a de non levar aos nen@s ao colexio na xornada do martes.

4. Apoiar dende o BNG, todas as medidas e accións reivindicativas e de presión que están desenvolvendo: luns negros, instalación de cruces, non levar ao alumnado ao colexio.

5. Rexeitar o boicot sufrido por algunha das actuacións promovidas dende a ANPA, ao sérenlle retiradas as cruces que simbolicamente chantaron na rotonda na N-552 en Cedeira.

6. Denunciar a actitude obstaculizadora, prepotente e mesmo chulesca amosada dende o goberno municipal. O propio Javier Bas, chegou a encararse con pais e nais que exercían o seu libre dereito a manifestarse diante do concello de Redondela.

7. O goberno municipal de Redondela, con Javier Bas ao frente, como xa nos tén acostumados, inicialmente toma medidas desmovilizadoras e propagandísticas. Cando non lle interesa, desenténdese completamente da problemática.

8. A problemática do CEIP Cedeira, constitúe un novo capítulo do desmantelamento do ensino público por parte do Partido Popular, tamén en Redondela.

9. Redondela sufriu unha redución no inicio do curso escolar 18/19, de ata catro profesores/as, e mesmo unha unidade de Educación Infantil, co silencio cómplice do goberno de Javier Bas.

10. Dende o BNG, co apoio dos grupos da oposición, solicitamos unha convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal, para que se deran as pertinentes explicacións, proposta que se nos segue negando.