Comunicado do BNG, sobre o outorgamento da Licenza á Casa de Apostas

Comunicado do BNG, sobre o outorgamento da Licenza á Casa de Apostas

En relación á información aparecida nos medios de comunicación, máis tarde ratificada polos propios técnicos municipais, dende o Bloque Nacionalista Galego, manifestamos:

 

- O noso recoñecemento da Asemblea Local á Coordinadora contra a Casa de Apostas, que, durante nove meses, mantivo unha liña de actuación comprometida coa saúde pública a traverso de concentracións, presentando mocións, convocando actos públicos e fomentando a presentación de alegacións. A concienciación veciñal sobre o enorme problema que se nos vén enriba, débese ao seu traballo. Un traballo que non caíu en van.

 

- Rexeitar a actitude dos responsábeis da Xunta de Galiza, quen foron os primeiros en outorgar a licenza de apertura. Existen importantes dúbidas sobre o outorgamento da licenza, en base a unhas medicións da distancia entre o local e un centro educativo, no que priman os intereses empresariais.

 

- Denunciar a actitude irresponsábel, e cínica do Partido Popular en Redondela. Recibiron a solicitude en marzo do 2019. No canto de informar á veciñanza ou solicitar informes máis exhaustivos, como a acta arriba referenciada, “deixaron correr o tema”, para que non lles afectara eleitoralmente nas eleicións municipais.

 

- Considerar a implicación do goberno PSOE AER, como “tibia” e pouco comprometida en contra da demanda social de apertura da Casa de Apostas. Malia que existe un procedemento para emitir a licenza, a presenza na rúa apoiando os actos da Coordinadora, foi máis ben pobre.

 

- Reafirmámonos dende o BNG, totalmente en contra da apertura dunha Casa de Apostas nas inmediacións dos centros educativos e deportivos do casco urbán de Redondela. Claro exemplo de que quen fomenta este tipo de actividades proxéctanse cara aos sectores máis vulnerábeis da nosa sociedade: a infancia e a mocidade.

 

- Continuaremos traballando para que esta licenza se revoque. Non está claro que o informe sobre os 150m. do local ata os centros educativos sexa legal. O cambio de goberno na Xunta de Galiza, pode botar luz sobre esta eiva.

 

- Adquirir o compromiso dende o Bloque Nacionalista Galego, da modificación da Lei para que os nosos sectores sociais máis vulnerábeis, non sufran o acoso desta actividade.