O Consello Local, valora positivamente a figura de Luís Bará, como cabeza de candidatura ao Congreso

O Consello Local, valora positivamente a figura de Luís Bará, como cabeza de candidatura ao Congreso

Na súa xuntanza do martes, o Consello Local do BNG, destacou a presenza do concelleiro pontevedrés, no primeiro posto da candidatura. “Trátase dunha persoa moi vinculada con Redondela, así como coa recuperación da memoria histórica. Bará vai contar co noso apoio incondicional na Campaña”, salientou o responsábel local, Anxo Lusquiños.

Recordou, como Luís Bará, exerceu un destacado papel na consolidación da Illa de San Simón, como Illa da Memoria. Pretendíase recuperar a memoria de todos os e as represaliadas, durante a Guerra Civil, e a posguerra. “O noso concello converteuse en referente estatal, con máis de vinte mil visitas ao ano a San Simón. Todo isto foi truncado coa volta do PP ao goberno da Xunta”, recordou.

En canto á relación co noso concello, Lusquiños salientou como hai dous anos tivo que ser o concello de Pontevedra, e en concreto a concellaría de cultura, quen rendera xusta homenaxe á pedagoga Ernestina Otero. A figura desta pedagoga da nosa Vila, foi vetada por Javier Bas e o seu goberno no ano 2015.

“Luís Bará desenvolveu un papel fundamental na recuperación da memoria daqueles que foron represaliados pola barbarie do franquismo, que os seus herdeiros na democracia, tamén quixeron acalar, aquí en Redondela”, apostillou o responsábel local do BNG.

Na súa nova responsabilidade ao fronte da candidatura do BNG ao Congreso, pola provincia de Pontevedra, “Bará vai contar con todo o noso apoio. Non só porque sexa el quen a encabeza, senón porque unicamente a presenza do BNG no Congreso, pode darlle voz propia á Galiza”, salientou.

“Imos mobilizar á toda a nosa militancia. Imos prantexar un traballo militante e de simpatizantes como nunca, para que o noso País volva a ter presenza, e a ser respectado en Madrid”, segundo Anxo Lusquiños. “Existen unha chea de demandas que Redondela debe prantexar directamente en Madrid, por boca do BNG. Neste caso por boca de Luís Bará”. Animou a toda a veciñanza a traballar a prol da recuperación “dun espazo que o nacionalismo, expresado no BNG, nunca debeu perder, porque daquela, quen perdeu foi Galiza”.

“Acreditamos que a xente de Redondela, soubera apreciar o que significaba que o candidato ou candidata do Bloque Nacionalista Galego, estea no Congreso. Neste caso, confiamos en que Luís Bará, acade o apoio do electorado, para levar os nosos problemas, e exixir as nosas demandas na capital do Estado”, rematou na súa valoración o responsábel local, Anxo Lusquiños.

Luis Bará nun acto adicado a Ernestina Otero en Pontevedra.