Iniciativa do GP do BNG sobre a denegación dun ciclo de intervención social no IES de Chapela.

Cosme Pombo e Carme Adán.
Iniciativa do GP do BNG sobre a denegación dun ciclo de intervención social no IES de Chapela.

Á Mesa do Parlamento

Cosme Pombo Rodríguez e María do Carme Adán Villamarín, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formulan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Pleno, relativa á discriminación do IES Chapela por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ao non concederlle a implantación do Ciclo Formativo de Grao Superior en Integración Social.

No mes de maio de 2013 a comunidade educativa do IES Chapela (Redondela) volveu tramitar un ano máis a solicitude da implantación do Ciclo Formativo de Grao Superior en Integración Social, pertencente á familia profesional de Servizos á Comunidade, familia da que actualmente se poden cursar outros dous ciclos formativos neste IES (Grao Superior de Educación Infantil e Grao Medio Atención a Persoas en situación de Dependencia).

As razóns polas que o IES de Chapela ven solicitando este Ciclo formativo son:

1º.- Porque existe unha demanda entre o alumnado do centro.

2º.- Porque non hai oferta deste ciclo formativo en ningún centro público da provincia de Pontevedra (só hai oferta nun centro relixioso, privado, da cidade de Vigo).

3º.- Porque o IES Chapela dispón das infraestruturas precisas para poder impartir o Ciclo Formativo de Grao Superior en Integración Social, sen máis necesidades de dotación que 2 profesores (un para o curso 2013/2014 e outro para o curso de 2014/2015) para completar a docencia cos docentes que xa hai no propio IES.

Malia as reiteradas solicitudes feitas, na oferta de Formación Profesional da Consellería de Educación, actualizada o 14 de Xuño de 2013, non se recolle a demanda formulada polo IES de Chapela, co cal non se poderá implantar este ciclo formativo de  grao Superior para o curso 2013/2014. Tampouco foi concedido este ciclo formativo a ningún outro centro público de ensino da provincia de Pontevedra.

Chama a atención que nesta oferta da Consellería aparece por primeira vez a concesión dun concerto educativo para a implantación deste ciclo formativo con outro centro educativo privado da cidade de Vigo, de carácter relixioso e que leva a cabo unha política educativa de segregación por sexos, que admite exclusivamente mulleres nas ensinanzas que oferta.

O Grupo Parlamentar do BNG amosa a súa firme desconformidade con este xeito de proceder, totalmente contrario aos intereses do ensino público.

O BNG comparte as reivindicacións da comunidade educativa do IES de Chapela e insta á Xunta de Galiza a paralizar esta decisión por non atopar argumento ningún para denegar este ciclo formativo a un centro público e concederllo a un centro privado, relixioso e  que segrega por sexos

Polo dito, formulamos a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Pleno:

Cal é a razón pola que a Xunta de Galiza concede un concerto educativo para o Ciclo Formativo de Grao Superior en Integración Social a un centro relixioso que aplica criterios antipedagóxicos como a segregación por sexos, mentres denega este mesmo Ciclo Formativo a varios centros de ensino publico da provincia de Pontevedra? 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

 

Cosme Pombo e Carme Adán.

Iniciativa do GP do BNG sobre a denegación dun ciclo de intervención social no IES de Chapela.