Javier Bas, segue exercendo de “apagalumes” de Fomento.

Javier Bas, segue exercendo de “apagalumes” de Fomento.

Novamente ante as mobilizacións veciñais, o alcalde de Redondela anuncia actuacións en positivo tanto de Fomento como de Audasa.

Diante das medidas de presión  levadas a cabo polos afectad@s polas obras da ampliación da AP-9 en Chapela, Javier Bas pretende novamente desviar a atención da veciñanza. Habilmente mestura entre vitimismo, e seguidismo do ministerio. En ningún momento, as súas declaracións refírense a que Fomento está a xogar e a ningunear a unha parroquia como Chapela.

Dende que en agosto se iniciaran as obras de ampliación, dúas foron as principais preocupación dos veciños e veciñas: que as vivendas expropiadas foran pagadas, e que as afeccións modificadas de xeito unilateral por Fomento, exerceran o menor impacto posíbel. Tal como denunciou a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, o que se pretende é xogar coa desesperación dos afectad@s, e que negocien de xeito individual, para facelo con menos forza.

“Agora demóstrase que todas as xuntanzas mantidas con representantes do concello e dos afectad@s, non serviron para nada. Pensamos que a estratexia do Ministerio coincide coa de Audasa. No medio os veciños e veciñas, e unha parroquia máis afectada”, afirma o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González.

Tamén considera que Javier Bas está exercendo de “apagalumes” de Fomento, dando a imaxe de que o ministerio comprende e entende a situación. Cada vez que se inician mobilizacións publicita unha nova, para desviar a atención e a problemática.

“Volve sacar o asunto da compra dos terreos de Ginaria, para construír o novo colexio público. Para o BNG, mentres non exista un documento asinado, en firme, todo son anuncios e propaganda preelectoral”, afirma o concelleiro nacionalista.

Lembra, tamén, que hai varias semanas solicitamos por escrito que se convocaran os Consellos Parroquiais de Trasmañó e Chapela, para que se informara a todos os colectivos sobre as conversas e novidades con Fomento. “Deste xeito abriríase unha nova vía de presión dos colectivos, mais o goberno de Javier Bas ve esta posibilidade como moi negativa para os seus intereses”, remata na súa nota Xoán Carlos González.

thumb