Mitin de NÓS en Redondela: “Compromiso de traballo do noso País”.

Mitin de NÓS en Redondela: “Compromiso de traballo do noso País”.

Membros da Candidatura Galega, expuxeron as liñas básicas do que suporá a presenza desta forza en Madrid.

Anxo Lusquiños, iniciou a quenda de intervencións afirmando que as eleccións do 20D, non van decidir quen vai ser o cabeza do goberno central. “Vaise decidir se Galiza terá voz propia ou non. Se os nosos mariñeiros van ter quen lles represente ou non”. Fixo repaso ao abandono que dos nosos sectores produtivos supón un goberno de forzas que unicamente ven o mundo coa perspectiva de Madrid. “NÓS, vai ser a única candidatura que de verdade leve os nosos problemas e as nosas solucións ao Congreso”, rematou na súa intervención.

Seguíul, Maite Mouriño, traballadora represaliada por participaren nunha candidatura municipal, en Pazos de Borbén, e tamén integrante da lista para o Congreso. “Nós, as traballadoras, non nos imos amedrentar ante o todo vale de moitas empresas, e a conivencia do PP”. Na súa alocución, insistiu en que para evitar a sangría da emigración “tan importante é acadar o noso autogoberno, como ter presenza naqueles lugares onde se decide o noso futuro, como se trata agora do Congreso en Madrid”.

A continuación, Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, fixo un chamamento á mocidade redondelá, para que faga valer a súa voz en Madrid, a traveso de NÓS-Candidatura Galega. “A mocidade galega representa a vella e a nova política. Antimilitarista, antimperialista, que defende o dereito dos pobos á súa emancipación, que loita a prol dos dereitos humanos, dos servizos públicos de calidade, dun ensino laico e gratuíto, da igualdade de xénero”. No tempo que participou na convocatoria da Casa da Cultura, aludiu a “que nin Pablo Iglesias, nin Pedro Sánchez, nin ningún outro nos vai dicir aos galegos e galegas o que temos que facer. Rexeitamos a imaxe de que somos un País resignado á emigración, ao despoboamento, caladoiro electoral do centralismo. Imos rachar con estes estereotipos nas urnas, o 20D”, rematou na súa intervención.

Finalmente Helena Pérez, integrante da lista ao Congreso, pechou o Mitin de NÓS- Candidatura Galega. Fixo un repaso a todo o proceso de constitución da Candidatura, “xestado precisamente en San Simón, onde decidimos que cumpría dar pasos firmes para chegar a unha lista de confluencia”. Laiouse de que finalmente isto non puidera ser, e que outros preferiran listas pactadas entre partidos, namentres que NÓS, naceu dun proceso democrático e transparente, tanto na elaboración do Programa como da Lista Eleitoral.

“Presentámonos sen ningún medo, sen ningún complexo, coa confianza do respaldo do pobo galego. Imos seguir traballando e presentando cara nas rúas, porque a nosa non é unha Candidatura unicamente para ter deputad@s apoltronados nos asentos do Congreso. Seguiremos actuando no seo da sociedade para que a voz das clases máis castigadas polas políticas das elites, teñan protagonismo nunha Galiza que precisa de NÓS”, sinalou ao remate Helena Pérez

A confianza de que o nacionalismo galego representado en NÓS-Candidatura Galega, vai acadar uns bos resultados. De que NÓS-Candidatura Galega, vai participar nas importantes decisións que na vindeira lexislatura se van a producir arredor da conformación do Estado reinaron no Mitin de Redondela.

Mitin de NÓS en Redondela: “Compromiso de traballo do noso País”.