MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO EN CONTRA DA REFORMA LABORAL

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO EN CONTRA DA REFORMA LABORAL

A reforma laboral recentemente aprobada polo Goberno do Estado, a través do Real Decreto-Lei 3/2012, do 10 de febreiro, constitúe outro chanzo máis na aplicación de políticas regresivas e inxustas socialmente.

A curta estancia do actual Goberno no poder xa nos permite albiscar a asunción plena do programa económico dos grandes poderes económicos e financeiros, e a disposición para levar a termo políticas de axuste económico que atentan contra dereitos e conquistas sociais atinxidas a prol das maiorías sociais.

A regulación laboral agora en vigor socava dereitos dos traballadores e traballadoras, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e a devaluación da negociación laboral. O obxectivo último é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital.

Por outra banda, esta non é a reforma no eido do réxime laboral que se precisa para afrontar unha recuperación económica baseada na creación de emprego estábel e digno, que é a principal aspiración da maioría das persoas no noso país, especialmente dunha parte importante que atravesa graves dificultades económicas. Esta afirmación, non procede das organizacións e persoas contrarias á reforma, senón que mesmo foi emitida polo Goberno e partido impulsores de dita reforma laboral, que recoñeceron a súa nula contribución cara a xeración de emprego, evidenciando dese xeito que a verdadeira xustificación para adoptala é a de satisfacer as arelas de minoritarias elites económicas de reducir os dereitos laborais a mínimos para mellorar en exclusiva a taxa de beneficios e o reparto de dividendos entre os accionistas das grandes corporacións empresariais.

As organizacións sindicais máis representativas convocaron unha folga xeral para o vindeiro día 29 de marzo, a fin de que os traballadores e traballadoras expresen o seu rexeitamento á reforma laboral, tanto polo contido antisocial concreto que contén, como por representar unha medida máis dentro da política de retallamentos sociais que o actual Goberno do Estado está disposto a emprender.

No noso concello a maioría da poboación é traballadora, polo que se verá directamente afectada pola minoración de dereitos no desempeño do seu labor profesional imposta por esta reforma laboral, o que require un apoio explícito da institución local representativa ás medidas de rexeitamento da mesma.

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO EN CONTRA DA REFORMA LABORAL