PP e AER, en contra da gratuidade de libros de texto.

PP e AER, en contra da gratuidade de libros de texto.

O BNG pregúntase se o rexeitamento, representa á maioría de redondeláns.

Tratábase de debater unha moción presentada polo BNG, na que se solicitaba a volta á gratuidade dos libros de texto. Durante o bipartito, instaurouse un sistema universal e gratuíto, que o goberno de Núñez Feijóo encargouse de dilapidar en canto retomou o poder no 2009.

Recollendo unha demanda de carácter social e tendo en conta a grave crise económica que está a atravesar un importante número de familias, a organización nacionalista presentou esta moción ao Pleno. Instábase, entre outros acordos, á Xunta de Galiza a retomar a gratuidade universal dos libros de texto, como un recurso básico para o alumnado galego.

A concelleira de ensino, Teresa París, facendo gala da súa tendencia a defender as políticas antisociais emanadas da Xunta de Galiza, rexeitou tanto os argumentos como os acordos da moción. Ironicamente, a concelleira que máis a favor debería estar de tomar estas iniciativas, foi quen máis se opuxo. Falar de que o libro en papel vai perdendo presenza nas aulas substituíndoos pola “panacea” do libro electrónico; ou facer referencia ao Plan de Gratuidade Solidaria, foron os argumentos esgrimidos pola responsábel de ensino. Ao remate das súas intervencións centrouse en que o ensino en Galiza é dos de máis calidade de todo o estado.

Causou sorpresa no BNG, o posicionamento contrario de AER  a esta iniciativa. Para esta forza, propoñer unha gratuidade universal dos libros de texto, somentes sería posíbel nunha sociedade ideal. Como non se vai producir, utilizaron argumentos vinculados ao pago dos libros de texto en función das rendas. Trátase dun argumento “progre”, que mesmo pode ter certa aceptación nalgunhas persoas da esquerda.

 

Defensa do público

Cecilia Pérez rebateu os argumentos de ambas as dúas forzas. Defendeu que o ensino debe ter un carácter público e gratuíto. Para a concelleira nacionalista, a gratuidade dos libros de texto garante que todo o alumnado pode acceder nas mesmas condicións aos coñecementos, constituíndo un importante aforro ás familias. Asegurou Cecilia Pérez, que se o ensino público galego conserva un alto nivel de calidade, débese principalmente  á motivación e implicación de mestres e mestras. Rexeitou que se puidera aplicar a “fiscalidade progresiva” na compra dun ben básico que afecta ao ensino, posto que dito concepto debe deixarse a outros eidos das nosas vidas.

Dende o BNG, consideran que se trata dun rexeitamento inexplicábel. O conxunto de veciños e veciñas de Redondela sempre se manifestaron a prol de afianzar valores e dereitos de carácter público. O rexeitamento plenario, a moción so contou con dez votos, constitúen para a forza nacionalista un “paso atrás nas reivindicacións dunha sociedade máis igualitaria”.

PP e AER, en contra da gratuidade de libros de texto.