O PP de Redondela contra o Día da Patria, por suposto.

O PP de Redondela contra o Día da Patria, por suposto.

Tamén anda agora indignado, o Partido Popular de Redondela, polo uso que  o nacionalismo fai dos escasos medios que posúe para difundir a súa mensaxe de loita pola soberanía de Galiza. Anda indignado, e preocupado, porque a manifestación unitaria do Día da Patria, pode facer tambalear a súa maioría en Madrid e en Compostela. Sabe que un dos poucos recursos que lle queda, é a “de sementar a “cizaña” entre as forzas que teñen a Galiza como único eixo vertebrador”.

Non lle pon problemas a que se empreguen os espazos públicos para enchelos de cartelaría de discotecas que exhiben vergoñentamente a figura de muller como obxecto de consumo. Tampouco lle supón ningún problema que esas mesmas discotecas, fomenten o consumo incontrolado de bebidas alcohólicas. Non lle supón ningún problema ao PP de Redondela, que ata se empreguen as árbores dos espazos públicos, para anunciar festas. Non lle supón ningún problema, ao PP que o goberno de Javier Bas, faga publicidade dalgunha das súas actividades en espazos que non están habilitados para iso. Non lle supón un problema ao PP de Redondela, por suposto, que se empapele medio casco urbano, cos anuncios dunha das expresións máis ruíns de sadismo animal: As Touradas de Pontevedra.

O que máis lle preocupa ao PP de Redondela, é que o nacionalismo, a quen os grandes medios de comunicación pretenden silenciar, realice unha pegada nas vésperas do Día da Patria. Esta dereita casposa e rancia do noso concello, nunca deixará de sorprendernos.

IMG-20150722-WA0002