Anxo Lusquiños reeleito Responsabel Local do BNG de Redondela.

Anxo Lusquiños Responsabel Local do BNG de Redondela.
Anxo Lusquiños Responsabel Local do BNG de Redondela.
Anxo Lusquiños reeleito Responsabel Local do BNG de Redondela.

O BNG, vén de rematar un proceso asamblear que se iniciou no mes de novembro; en Redondela Anxo Lusquiños saíu reeleito Responsábel Local do Bloque Nacionalista Galego.

 

Anxo, na pasada Asemblea Local vés de ser reeleito Responsábel Local por unanimidade. Que supón isto para ti?

Ben, en primeiro lugar teño que agradecer ás compañeiras e compañeiros o seu apoio, xa que como dis fun reeleito no cargo de forma unánime e dende logo é unha honra. Asumo o reto con responsabilidade e co orgullo do traballo feito, consciente que hoxe o BNG de Redondela é unha organización unida, forte e comprometida co noso pobo.

Para acompañarme neste traballo, conto cos compañeir@s do Consello Local, Yesica  García,  Agustín González,  Xavier Balsas, Cecilia Pérez, Ana Santomé, Xoán Carlos González, Pilar Sotelino, e unha persoa de Galiza Nova, aínda pendente de designar.

 

Desta etapa que agora remata, que cousas destacarías do traballo feito polo BNG de Redondela?

É unha pregunta difícil xa que se fixo moito traballo, pero se teño que destacar algo, sen dúbida sinalaría estes aspectos:

- A defensa da parroquia de Chapela diante da agresión que supón a ampliación da AP9 coa perda de servizos e calidade de vida do conxunto da veciñanza.

- Mantermos un diálogo continuo e fluído con movemento asociativo redondelán.

- Seguirmos traballando por equipamentos moi necesarios para Redondela, onde debemos destacar a loita pola apertura do Centro de Día de Cesantes.

- A campaña de información e asesoramento diante do catastrazo do PP no noso concello, que nos levou a percorrer todas as parroquias e onde foron moitos os veciñ@s que se achegaron aos nosos actos e agradeceron o noso traballo.

- Contamos tamén co importante traballo exercido polo noso concelleiro, Xoán Carlos González, quen plasma na acción municipal as propostas do BNG.

 

Cales son os obxectivos desta nova etapa que agora inicias como Responsábel Local?

En primeiro lugar debemos manter a nosa liña de traballo de oposición responsábel, presentando á veciñanza un modelo alternativo e críbel. Enfrontamos as negativas dinámicas do goberno de Javier Bas, exercendo de verdadeira oposición.

Obviamente tamén estamos coa vista posta nas eleccións municipais. Imos traballar  para conformar un proxecto ilusionante, gañador e cun obxectivo claro: participar, e mesmo liderar un goberno municipal que traballe verdadeiramente para que os e as redondeláns se volvan a sentir protagonistas da vida municipal, con políticas sociais de equidade, potenciando os nosos recursos para xerar riqueza.

Para nós é unha peza chave manter un diálogo constante e fluído con todo o movemento asociativo, que nestes momentos o goberno municipal pretende secuestrar.

 

Como é a situación do BNG de Redondela na actualidade?

Vimos de pasar momentos moi complicados, pero soubemos actuar con coherencia e corrixir erros. Hoxe moita xente volve a mirar para nós e non podemos defraudalos. Nestes últimos tempos fomos quen de sumar novos militantes e simpatizantes, o cal nos dá forza para seguir na loita e darlle voz ao noso pobo. Estamos traballando en numerosas frontes: o municipal, realizando actos informativos, encontros con colectivos, levando diversas iniciativas ao Parlamento Galego, asesorando á veciñanza,...

 

Xa para rematar, define como é para ti este novo BNG?

Para min este  non é o BNG de hai un ano nin o de hai dez, este é o BNG dun tempo novo e queremos sumar ao noso proxecto todas as persoas que aposten por unha Redondela máis xusta e solidaria, dentro dunha Galiza próspera, con futuro, aberta ao mundo e orgullosa do seu.