Apoio do BNG de Redondela á manifestación "Pescanova somos tod@s"

17992155_1184942511628341_3225839721868222690_n
17992155_1184942511628341_3225839721868222690_n
Apoio do BNG de Redondela á manifestación "Pescanova somos tod@s"

Baixo o lema PESCANOVA SOMOS TOD@S, convócase manifestación de apoio aos traballadores e traballadoras desta empresa de grande relevanza para Redondela.

Despois de máis dun ano de negociacións, definindo os termos do Convenio Colectivo, a cerrazón da parte empresarial nunha serie de exixencias, que precarizan a situación laboral, está obstaculizando a sinatura dun acordo.

Dende o Bloque Nacionalista Galego, queremos chamar á mobilización e apoio cidadá nas xustas reivindicacións d@s empregad@s da empresa. Despois de seren quen a traveso do seu esforzo e compromiso, foron quen de permitir o medre da compañía nas últimas décadas. Despois de soportar os embistes da crise económica co seu traballo, non poden verse agora forzadas pola dirección da Empresa a asinar unhas condicións, que degradan os dereitos laborais básicos.

A pretensión da empresa de redución de salarios de ata un 40%, e unha “flexibilidade horaria”, que non queda ben definida, constitúen os cabalos de batalla, que a dirección da empresa pretende impoñer. Valoramos como neglixente a implicación da Xunta de Galicia, quen primeiro inxectou ata 5 millóns de euros na empresa, sen facer ningún tipo de seguimento destes cartos públicos, e quen agora co mediador entre as partes afectadas, debilita a posición dos representantes sindicais.

Dende O BNG, respaldamos as demandas dos representantes sindicais, co fin de garantir as condicións laborais e salariais do conxunto de traballadores e traballadoras de PESCANOVA. Pola implicación que para Redondela supón a consolidación dos postos de traballo, consideramos imprescindible o apoio decidido do conxunto da cidadanía ás súas xustas peticións.

Chamamos pois a respaldar a Manifestación que se vai celebrar ás 20 horas dende as Catro Pontes, en Chapela, o venres 21, en apoio, aos traballadores e traballadoras de PESCANOVA.

 

PESCANOVA SOMOS TOD@S!!!

 

 

Apoio do BNG de Redondela á manifestación "Pescanova somos tod@s"