O BNG acusa de “neglixente” a actitude do goberno de Javier Bas polo incumprimento na recollida de lixo

Desbordamentos en Vilar.
Desbordamentos en Vilar.


Varias parroquias sufriron en abril e maio o desborde de residuos nos contedores

O BNG acusa de “neglixente” a actitude do goberno de Javier Bas polo incumprimento na recollida de lixo

Durante as xornadas festivas de abril e maio, en varias parroquias redondeláns, amontoouse o lixo durante días diante da pasividade do alcalde. “Esta omisión do servizo  provoca molestias á veciñanza e non se lle compensa logo no recibo, significando un beneficio para a empresa que fai a recollida, mentres o goberno municipal mira para outro lado”, afirma o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González.
O Luns do Cristo, o Primeiro de Maio, e o Día das Letras Galegas, son as datas sinaladas dende o BNG, como de “incumprimento das condicións  da  recollida de lixo no concello de Redondela”. Recorda o concelleiro nacionalista, que deben pasar un terceiro día de recollida semanal na denominada zona B que o alcalde non se preocupa en realizar, o que deduce a complicidade entre o alcalde e a empresa que fai a recollida”.
En concreto, sinala zonas de Saxamonde e Vilar de Infesta, como das máis afectadas. Nesta parroquia o lixo amontoouse varios días no punto ubicado a carón do colexio de Portocabeiro.  “O Concello de Redondela está obrigado a recoller o lixo tres días na semana, mais aproveitando os festivos únicamente o fixeron dous  o que supuxo que nalgúns contedores desbordaran os residuos”. Trátase, a xuizo do edil nacionalista, dun claro agravio comparativo con outras partes do concello onde si se recolleu. Considera o edil, que esta omisión de servizo debería supoñer a compensación no recibo que pagan veciños e veciñas pola recollida de lixo.
Valora Xoán Carlos González de “neglixente e cómplice a actitude do goberno de Javier Bas, quen debe velar polos intereses dos e das redondeláns, e claramente non cumpren co seu cometido, ao non realizar a recollida tal como estabelecen as ordenanzas e as condicións do contrato de recollida'. 
“Exiximos o mesmo respecto para todos os veciños e veciñas do noso concello, os que viven nos núcleos urbanos e os que viven nas zoas rurais. Se pagan en función da recollida, deberáselle prestar o servizo nas mellores condicións. Exiximos que o goberno de Javier Bas asuma as súas responsabiliades. Imos estar moi atentos nos vindeiros meses para ver se esta situación se repite. Animamos a particulares e colectivos a que presenten as súas reclamacións, cando non se recolle o lixo”, remata na súa nota o concelleiro do BNG.