O BNG de Redondela esixe a reprobación do alcalde de Redondela, pola súa actitude na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana de Vigo.

Asemblea Constituinte antes de ser abandonada por Javier Bas e os representantes populares.
Asemblea Constituinte antes de ser abandonada por Javier Bas e os representantes populares.

Con data 23 de abril de 2012, publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2012, de 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, aprobada polo Parlamento de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. A nefasta xestión levada por parte do Goberno Galego, coa que se levou a cabo a posta en marcha desta Lei, supuxo unha parálise ata pasadas as eleicións municipais do ano 2015, no que se volveu a retomar o traballo para unha mellora do texto.

A Área Metropolitana de Vigo, conformouse cos concellos máis direitamente vinculados a esta urbe, na que conviven arredor de 500.000 habitantes. Inicialmente os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño,  Gondomar, Nigrán, Baiona,  Cangas, Moaña, Vigo e Redondela pasaron a formar parte desta Área, na que o noso concello, como o segundo máis poboado, adquire un especial protagonismo.

As competenzas que a Lei recolle refírense ás áreas de promoción económica e emprego; 

servizos sociais; turismo; promoción cultural; medio ambente;  prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e planificación urbanística;

O 12 de xullo de 2016 apróbase definitivamente no Parlamento Galego, o novo texto consensuado cos 14 alcaldes e alcaldesas da Área. O texto publicouse no DOG  o día 1 de agosto de 2016. Foi nas áreas de gobernanza e nas funcións competenciais, onde o novo texto, sufríu maiores modificacións. En canto ao primeiro, a emisión do voto ponderado na xunta de goberno metropolitano xunto á representatividade das vicepresidencias, serían os aspectos máis destacados. Refórmase igualmente a presidencia da comisión de ordeación do territorio e urbanismo.

No novo texto do ano 2016, recóllese a posibilidade da entrada de novos concellos, e a flexibilidade dos que a conforman para abandoala. En canto ao financiamento da Área, establécese que será vía aportacións dos concellos, e cesións tanto da Deputación, como da propia Xunta. Igualmente contémplase a integración e coordinación do transporte urbano e interurbano, no transporte metropolitano.

Con data 12 de abril de 2016, en sesión plenaria extraordinaria do Concello de Redondela debátese e apróbase por maioría, as Modificacións do Texto de Lei da Área Metropolitana de Vigo.

Na sesión plenaria do 8 de setembro de 2016, nomeouse @s representantes do Concello de Redondela, a quen lle corresponde segundo a propia Lei da Área Metropolitana en función da poboación ( entre 20.001 e 50.000 habitantes), o alcalde do concello como membro nato, máis 3 concelleir@s. No caso de Redondela, 1 do PP, 1 do PSOE, 1 de AER, segundo os resultados eleitorais das eleicións municipais do ano 2015.

Con data 1 de decembro de 2016, constituíuse a Asemblea da Área Metropolitana de Vigo, coa presenza de 14 alcaldes e alcaldesas, e un total de 53 concelleir@s de diferentes forzas políticas (PSOE, PP, BNG, Mareas, AER, Movemento Salceda, Alternativa Canguesa de Esquerdas, Gañemos).

Nesta sesión constitutiva, o total de representantes do Partido Popular, co alcalde de Redondela, Javier Bas, ao frente decidiron abandoar o Plenario. Como rexedor do noso concello, argumentou que se o transporte urbano de Vigo, non entraba de inmediato no transporte metropolitano, a Área non tiña sentido.

Nas xornadas seguintes, todo foron descalificacións por parte de membros do Partido Popular, tanto local como nacional, co vicepresidente Alfonso Rueda, cualificando de “chiringuito” a Área Metropolitana.

A decisión adoptada polo alcalde de Redondela, Javier Bas, vai en contra das encomendas que como rexedor, lle outorgaron os e as redondeláns. No canto de defender os intereses coleitivos, plegouse aos intereses da súa organización política; o Partido Popular.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a constitución e conformación da Área Metropolitana, converteuse nun dos principais obxectivos políticos das últimas décadas, co obxecto de permitir unha mellor xestión de recursos, unha mellora na atención ás necesidades e demandas cidadás, xunto a unha cesión de competenzas por parte dos concellos, Deputación e Xunta, evitando as dupricidades administrativas. O diálogo e o debate entre as partes implicadas, deberon ser, para esta organización a base de calquera principio de acordo.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita por parte do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Redondela, a adopción do seguinte ACORDO

1. A reprobación do alcalde-presidente do Concello de Redondela, ao abandoar a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondeláns.

Asdo. Xoán Carlos González

 

Redondela 23 de decembro de 2016

O BNG de Redondela esixe a reprobación do alcalde de Redondela, pola súa actitude na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana de Vigo.