Cultura desprestixia O Dia da Muiñeira

A convocatoria desta manifestación de carácter popular, coincidindo coa celebración das Letras Galegas, evidencia o desleixo dos responsábeis municipais, coas nosas mais fondas tradicións.

A Muiñeira, pode considerarse como un dos bailes tradicionais por excelencia do noso País. Dende hai anos, o concello de Redondela viña celebrando esta data, co que se facilitaba a xuntanza das distintas agrupacións de baile tradicional do Concello.

A convocatoria do ano 2017, deixa ben ás claras o desinterese do departamento de cultura, dirixida por Teresa París, con esta mostra do nosos bailes populares. Mesturar os actos institucionais do Día das Letras Galegas, co Día da Muiñeira, demostra, unha vez máis que se carece dunha verdadeira programación cultural de base, que promocione as nosas tradicións máis arraigadas.

A falla de publicidade previa, da conmemoración dunha data tan significativa, para a concentración dos grupos de baile tradicional confirma esta realidade. Non existe o máis mínimo interese por parte do goberno de Javier Bas de promocionar actividades culturais, que consideran desfasadas, mais que non son quen de eliminar.

A convocatoria do Día da Muiñeira, debe ser singular e ben diferenciada doutras datas significativas da nosa cultura. Non se pode fomentar, aquilo no que non se cre. Dende o BNG, apostamos abertamente por recuperar as nosas tradicións populares, apoiando de vez as agrupacións de música tradicional. Exiximos que o Día da Muiñeira, volva a converterse nunha data singular no que se amose a nosa riqueza cultural, se fomente os nosos bailes e música, poñendo en valor toda unha tradición que debe transmitirse ás novas xeracións.

Cultura desprestixia O Dia da Muiñeira