O goberno de Javier Bas dalle as costas aos afectados pola suba do IBI.

“Consideran como infractores aos afectados, malia que grazas a eles van aumentar os ingresos para o Concello”, afirma X. Carlos González

O Partido Popular rexeitou apoiar que temporalmente se instrúa e reordene ao persoal municipal, coa finalidade de asesorar tanto en Redondela como en Chapela aos afectad@s sobre a regularización catastral, imposta polo Ministerio de Facenda. A iniciativa presentada polo BNG e apoiada polo resto de forzas da oposición, “vai ser difícilmente aplicábel, posto que o goberno de Javier Bas, votou en contra”, afirma o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González. O goberno municipal deixa en mans da empresa encargada da recadación municipal, a información que se preste.

A regularización catastral vai afectar principalmente ás vivendas do rural, que terán que tributar por galpóns, churrasqueiras, pendellos, casetas de can,... Non estamos en contra de que se legalicen, máis si de que tributen como habitábeis. De feito, moitas destas construccións non entrarían na actualización do IBI, “mais o goberno do Estado, confía en que os afectados e afectadas non reclamen, para poder subirlles o recibo”.

“Consideramos vergoñenta a actitude do goberno de Javier Bas, que por medio da súa voceira Mari Carmen Amoedo, cargou sobre os veciños e veciñas afectados, como irresponsábeis e insolidarios. Despois farán gala da súa boa xestión, grazas á suba nestes recibos do IBI no rural” afirma Xoán Carlos González.

Cuestiona a solución dada pola concelleira do PP cos veciños e veciñas de Chapela e Trasmañó, “ofrecéndolles a posibilidade de empregar a tarxeta metropolitana para ir ata Redondela, a que os asesoren. Unha mostra da chulería e prepotencia coa que actúa este goberno”, conclúe.

“Trátase dun feito insólito que o goberno municipal, principal beneficiario, culpabilice a veciños e veciñas que van ter que pagar uns recibos moi elevados do IBI, con carácter retroactivo, por construccións que únicamente son complementarias ás vivendas”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.

 

O goberno de Javier Bas dalle as costas aos afectados pola suba do IBI.