O goberno de Javier Bas, ralentizou a urbanización da finca de Ginaria

X. Carlos González
X. Carlos González

Xoan Carlos González, xa no mes de febreiro, solicitou que se creara unha partida para iniciar o proceso de urbanización.

O goberno de Javier Bas, ralentizou a urbanización da finca de Ginaria

O concelleiro do BNG, considera que a oferta pública para a contratación da urbanización dos terreos, onde se construirá o Colexio Igrexa, “puido levarse a cabo hai xa varios meses”. Afirma que a partida de 28.000 euros asignada para tal fin puido ser perfectamente asumible polo goberno de Javier Bas.

Segundo o edil nacionalista, a relevancia do Proxecto, no que se inclúe a execución e acondicionamento de vías públicas, abastecemento de auga, saneamento, subministro de enerxía eléctrica, infraestruturas de telecomunicacións, redes de gas, zoas verdes, sinalización, mobiliario urbano, e mesmo demolición de elementos incompatíbeis co planeamento, obriga a un traballo rigoroso. “Trátase dun Proxecto ben complexo, no que apostamos pola participación do movemento asociativo para que realicen aportacións, a traveso do Consello Parroquial. Necesítase tempo, cuestión que na construción do Colexio Igrexa, estase esgotando”, valora. No prego, recóllese que a partires da sinatura do contrato poden pasar ata corenta e cinco días ata a presentación do Proxecto.

Denuncia que o goberno de Javier Bas “quixo presionar ao BNG, no pleno de xullo para que lles apoiaramos un paquete de inversións, coa escusa de que a urbanización dos terreos para o Colexio Igrexa había que inicialos antes de finalizar o ano. Se tiveran listo o Proxecto de Urbanización tería a súa lóxica, mais tratábase dunha nova chantaxe á que non cedemos. Dubidamos que antes de fin de ano se inicien as obras.”

Finalmente o concelleiro nacionalista afirma que “malia que nin PP, PSOE, AER, nos deron o seu apoio no Pleno, non renunciamos a que o actual Colexio Igrexa, poida pasar a mans do Concello tal cal está, unha vez que se abandone a actividade docente”.