Luís Bará presenta no Parlamento unha pregunta sobre a retirada dunha exposición do Colectivo Republicano de Redondela.

Exposición "Criminalización do Pensamento"
Exposición "Criminalización do Pensamento"
Luís Bará presenta no Parlamento unha pregunta sobre a retirada dunha exposición do Colectivo Republicano de Redondela.

Á Mesa do Parlamento Luis Bará Torres, Ana Pontón Mondelo, Olalla Rodil Fernández, Xosé Luis Rivas Cruz, Montserrat Prado Cores e Noa Presas Bergantiños, deputadas e deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita. O pasado venres 27 de setembro o goberno municipal de Redondela procedía a retirar da sala de exposicións do Multiusos unha mostra do colectivo republicano de Redondela titulada “A criminalización do pensamento” que recollía fotografías de conflitos sociais e bandeiras republicanas. Segundo a comunicación enviada ao colectivo por persoal do concello, a exposición recolleuse por petición da comisaría de policía. A xuízo do BNG estamos ante un caso grave de censura e represión da liberdade de expresión, que é máis propia doutras épocas históricas, nas que a policía, a garda civil ou o exército impoñían a súa autoridade empregando a forza dun estado ditatorial. Fronte a este xeito de proceder, as democracias baséanse no respecto ao pluralismo, á diversidade ideolóxica e de pensamento, e á liberdade de expresión. E estes dereitos fundamentais foron vulnerados polo concello de Redondela. A xustificación feita pública pola concelleira de cultura, no sentido de que se retirou a exposición para garantir a convivencia e en resposta a queixas de diversas persoas pon en evidencia a intolerancia e o sectarismo do goberno municipal. Paradoxalmente, o título da mostra foi premonitorio: “a criminalización do pensamento”. Efectivamente estamos ante un exemplo da persecución de quen pensa diferente, un paso máis escalada reaccionaria e na involución ideolóxica que está a levar a cabo o Partido Popular. Ante a gravidade destes feitos formúlanse as seguintes preguntas para resposta escrita:

1. Comparte o goberno galego a decisión do goberno municipal de Redondela de retirar a exposición “Criminalización do pensamento”?

2. Considera o goberno galego normal que a decisión de adopte por petición da Policía, sen ningun fundamento legal?

3. Está dacordo a Xunta de Galiza con esta forma de proceder que atenta contra dereitos fundamentais como o de liberdade de expresión e pensamento?

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017

Asdo.:

Luis Bará Torres

Noa Presas Bergantiños

Olalla Rodil Fernández

Xosé Luis Rivas Cruz

Montserrat Prado Cores

Ana Pontón Mondelo

Deputadas e deputados do G.P. do BNG

Luís Bará presenta no Parlamento unha pregunta sobre a retirada dunha exposición do Colectivo Republicano de Redondela.