PARA O CONCELLEIRO DO BNG, REMATOUSE O TEMPO NO QUE A BOA XESTIÓN ECONÓMICA, SUBSTENTOUSE NAS ECONOMÍAS FAMILIARES REDONDELÁS.

Xoán Carlos González, “a baixada da plusvalía en Redondela, obedece a unha verdadeira necesidade social”.

A proposta común de todos os grupos da oposición de baixada da plusvalía, aprobada polo Pleno da Corporación de Redondela, foi valorada positivamente dende a organización nacionalista. O concelleiro, Xoán Carlos González, considera que “dáse resposta a unha demanda social, posto que o noso concello atopábase entre os máis elevados, no abono da plusvalía”.

Aplicando este imposto municipal, as arcas do Concello recibían máis de 500.000 euros anuais. “Deste xeito, o goberno de Javier Bas podía fachendear dunha boa xestión, grazas a uns ingresos desorbitados cargándoos sobre os veciños e veciñas”, apunta.

“Coa proposta aprobada cos votos a favor de PSOE, AER, BNG e concelleira non adscrita, e os votos en contra do PP, rebáixase á metade o tipo coa que se gravaba a compravenda de vivendas e fincas urbanizables” salienta o concelleiro nacionalista.

Destaca igualmente Xoán Carlos González o feito de que se aprobara a bonificación do 95% nas doazóns, entre as que se atopan as herdanzas. “Tratábase dun dos casos máis graves, por afrontar moitas persoas desembolsos de miles de euros, convertendo estas transmisións nunha lousa económica, máis que nun beneficio”. Coa aprobación da modificación da plusvalía  vaise aliviar a carga impositiva respostando a unha demanda social, máxime tendo en conta a complexa situación económica pola que atravesan moitas familias.

Critica á súa vez á concelleira de urbanismo, Mari Carmen Amoedo, por pretender confundir á veciñanza. “Quen realmente fixo barra libre, foi o goberno do Partido Popular, ao eliminar o imposto de transmisións patrimoniais no caso das transmisións rústicas”.

Recorda o concelleiro nacionalista como “dende o ano 2011, o goberno municipal chegou a cobrar este imposto con efeito retroactivo de ata catro anos, co que moitos veciños e veciñas tiveron que facer fronte a cantidades desmesuradas por este conceito”. Eis baseábase a boa xestión do goberno municipal.

Xoán Carlos González remata na súa nota salientando “que atopámonos ante un claro exemplo de incapacidade de gobernar Redondela, por falta de proxecto, e incapacidade de xestionar, por facelo baseándose neste imposto”.

Xoán Carlos González, “a baixada da plusvalía en Redondela, obedece a unha verdadeira necesidade social”.