Director

O BNG, consegue a reprobación de Javier Bas.

O BNG, consegue a reprobación de Javier Bas.

Xoán Carlos González: “Consideramos un éxito o apoio á nosa iniciativa expresando o rexeitamento veciñal, ante a actitude do alcalde de Redondela na constitución da Área Metropolitana de Vigo”.

A primeira moción debatida no ano 2017 consistíu no debate da moción presentada polo Grupo Municipal nacionalista,no mes de decembro. Malia que o BNG de Redondela, non está representado na Asemblea Metropolitana, foi quen de propor un texto que censuraba a actitude partidista do primeiro edil redondelán.

Nin PSOE, anulado  pola preponderancia do alcalde de Vigo, nin AER, quen sempre se manifestou en contra da Área Metropolitana, asumiron o papel que si ostentou Xoán Carlos González. O punto único, recollido no texto orixinal, recollía “A reprobación do alcalde-presidente do Concello de Redondela, ao abandoar a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondeláns”.

Pola súa banda, a Agrupación de Eleitores, propuxo introducir un segundo punto, sobre a non participación do alcalde de Redondela, na Xunta de Goberno Metropolitana.

Defendeu o voceiro nacionalista, tanto a funcionalidade como os obxectivos perseguidos na construcción do Ente Metropolitano. Segundo as súas declaracións “trátase dunha administración pola que o BNG sempre traballou en aras a acadar o tan ansiado consenso, cara a acadar unha mellor xestión nos servizos, evitando dupricidades”.

Na súa exposición, recordou os feitos acaecidos o 1 de decembro, na constitución da Asemblea Metropolitana, da que participaron oitos grupos políticos, 14 alcaldes e alcadesas, e 53 concelleir@s. “O PP, co alcalde de Redondela Javier Bas, ao frente, escenificaron o obstruccionismo, que seguindo directrices da súa dirección en Compostela lles marcaron. Actou de costas aos intereses dos e das redondeláns, actuando únicamente por intereses partidistas”, afirma o concelleiro do BNG.

Recriminou a actitude do alcalde-presidente do Concello de Redondela, pois malia que se presentou encabezando a candidatura dos populares, “como alcalde, debería ter actuado doutro xeito, apoiando a posta de marcha da Área Metropolitana de Vigo”. Acusounos de ter mentido á xunta de voceir@s municipais, e principalmente aos veciños e veciñas de Redondela.

O concelleiro nacionalista, tivo contra as cordas a Javier Bas, a emprazalo a propoñer a saída de Redondela de dita Área. Pola súa banda, o insulto contínuo e constante por parte da voceira do Partido Popular, Mari Carmen Amoedo, foi a única resposta.

Non lle estranou a Xoán Carlos González, a estratexia da voceira conservadora. Afirmou que “o Partido Popular de Redondela, caracterízase polo seu fundamentalismo, actuando de xeito belixerante en todas aquelas instucións ou entes que non controla, nomeadamente a Deputación e agora a Área Metropolitana”.

“Están vostedes metidos nun lío, espetoulles o voceiro nacionalista, e non saben saír del. Tal é así que nin sequera foron quen de presentar a moción que sobre o transporte metropolitano, levou a diversos Plenos da Área de Vigo”.

Finalmente referíuse Xoán Carlos González, a que coa actitude de Javier Bas, e os caprichos de Abel Caballero “estse a poñer en risco o servizo que presta Vitrasa nas parroquias de Chapela, Trasmañó, Vilar, Cabeiro e Negros”.

Todos os grupos da oposición presentes no Pleno, AER e PSOE, apoiaron a proposta do BNG, co que se acadou que un dos alcaldes populares que abandoaron a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, fora reprobado en sesión plenaria.

Ler nova
O BNG demanda que se informe sobre a construcción dun novo aparcadoiro en Reboreda.

O BNG demanda que se informe sobre a construcción dun novo aparcadoiro en Reboreda.

No Boletín Oficial da Provincia, publicouse anuncio de Augas de Galiza, sobre solicitude de construción de aparcadoiro do supermercado situado na parroquia de Reboreda. Ábrese proceso de exposición pública para que se poida estudar, e mesmo se presenten alegacións ao mesmo.

A traveso do seu concelleiro, Xoán Carlos González, o BNG estudou o expediente, que recolle a construción dun aparcadoiro, nunha parcela colindante ao propio supermercado. Na actuación prevista, sobre unha superficie de arredor de 2.200 m2, preténdese ubicar unhas 70 prazas de aparcadoiro.

Segundo o concelleiro do BNG “un dos problemas que se prantexa, reside na cercanía desta actuación ao río Alvedosa, a menos de 50 m. O proxecto leva aparellado un balado duns 6m. de altura, co que o seu impacto, visual nun entorno recuperado para a veciñanza, vai ser de relevancia”.

Outra das circunstancias que se pretende que aclaren segundo manifesta Xoán Carlos González, consiste “nunha posíbel construción dun vial co que o impacto no entorno, vai ter maior repercusión”, afirma.

Critica o concelleiro nacionalista que “por segunda vez en poucas semanas, o primeiro fora a ampliación da senda polo río Alvedosa, unha actuación de envergadura que afecta a Reboreda é silenciada polo goberno de Javier Bas, co que nada de transparenza; opacidade e silenciamento”.

Exiximos que o Concello manteña puntualmente informados aos diferentes colectivos parroquiais sobre este Proxecto de Aparcadoiro, ben remitíndolles o propio Proxecto, ou unha convocatoria extraordinaria do Consello Parroquial”. Considera que o goberno de Javier Bas pretende converter os Consellos Parroquiais en meros instrumentos informativos, “dende o BNG pretendemos recuperar o protagonismo das entidades sociais parroquiais, coñecendo a súa valoración e opinión en actuacións de calado, como esta que se propón para Reboreda”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.

Ler nova
O BNG de Redondela esixe a reprobación do alcalde de Redondela,  pola súa actitude na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana de Vigo.

O BNG de Redondela esixe a reprobación do alcalde de Redondela, pola súa actitude na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana de Vigo.

Con data 23 de abril de 2012, publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2012, de 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo, aprobada polo Parlamento de Galicia, cos únicos votos a favor do Partido Popular. A nefasta xestión levada por parte do Goberno Galego, coa que se levou a cabo a posta en marcha desta Lei, supuxo unha parálise ata pasadas as eleicións municipais do ano 2015, no que se volveu a retomar o traballo para unha mellora do texto.

A Área Metropolitana de Vigo, conformouse cos concellos máis direitamente vinculados a esta urbe, na que conviven arredor de 500.000 habitantes. Inicialmente os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño,  Gondomar, Nigrán, Baiona,  Cangas, Moaña, Vigo e Redondela pasaron a formar parte desta Área, na que o noso concello, como o segundo máis poboado, adquire un especial protagonismo.

As competenzas que a Lei recolle refírense ás áreas de promoción económica e emprego; 

servizos sociais; turismo; promoción cultural; medio ambente;  prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e planificación urbanística;

O 12 de xullo de 2016 apróbase definitivamente no Parlamento Galego, o novo texto consensuado cos 14 alcaldes e alcaldesas da Área. O texto publicouse no DOG  o día 1 de agosto de 2016. Foi nas áreas de gobernanza e nas funcións competenciais, onde o novo texto, sufríu maiores modificacións. En canto ao primeiro, a emisión do voto ponderado na xunta de goberno metropolitano xunto á representatividade das vicepresidencias, serían os aspectos máis destacados. Refórmase igualmente a presidencia da comisión de ordeación do territorio e urbanismo.

No novo texto do ano 2016, recóllese a posibilidade da entrada de novos concellos, e a flexibilidade dos que a conforman para abandoala. En canto ao financiamento da Área, establécese que será vía aportacións dos concellos, e cesións tanto da Deputación, como da propia Xunta. Igualmente contémplase a integración e coordinación do transporte urbano e interurbano, no transporte metropolitano.

Con data 12 de abril de 2016, en sesión plenaria extraordinaria do Concello de Redondela debátese e apróbase por maioría, as Modificacións do Texto de Lei da Área Metropolitana de Vigo.

Na sesión plenaria do 8 de setembro de 2016, nomeouse @s representantes do Concello de Redondela, a quen lle corresponde segundo a propia Lei da Área Metropolitana en función da poboación ( entre 20.001 e 50.000 habitantes), o alcalde do concello como membro nato, máis 3 concelleir@s. No caso de Redondela, 1 do PP, 1 do PSOE, 1 de AER, segundo os resultados eleitorais das eleicións municipais do ano 2015.

Con data 1 de decembro de 2016, constituíuse a Asemblea da Área Metropolitana de Vigo, coa presenza de 14 alcaldes e alcaldesas, e un total de 53 concelleir@s de diferentes forzas políticas (PSOE, PP, BNG, Mareas, AER, Movemento Salceda, Alternativa Canguesa de Esquerdas, Gañemos).

Nesta sesión constitutiva, o total de representantes do Partido Popular, co alcalde de Redondela, Javier Bas, ao frente decidiron abandoar o Plenario. Como rexedor do noso concello, argumentou que se o transporte urbano de Vigo, non entraba de inmediato no transporte metropolitano, a Área non tiña sentido.

Nas xornadas seguintes, todo foron descalificacións por parte de membros do Partido Popular, tanto local como nacional, co vicepresidente Alfonso Rueda, cualificando de “chiringuito” a Área Metropolitana.

A decisión adoptada polo alcalde de Redondela, Javier Bas, vai en contra das encomendas que como rexedor, lle outorgaron os e as redondeláns. No canto de defender os intereses coleitivos, plegouse aos intereses da súa organización política; o Partido Popular.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a constitución e conformación da Área Metropolitana, converteuse nun dos principais obxectivos políticos das últimas décadas, co obxecto de permitir unha mellor xestión de recursos, unha mellora na atención ás necesidades e demandas cidadás, xunto a unha cesión de competenzas por parte dos concellos, Deputación e Xunta, evitando as dupricidades administrativas. O diálogo e o debate entre as partes implicadas, deberon ser, para esta organización a base de calquera principio de acordo.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita por parte do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Redondela, a adopción do seguinte ACORDO

1. A reprobación do alcalde-presidente do Concello de Redondela, ao abandoar a Asemblea Constituínte da Área Metropolitana, en contra dos intereses dos e das redondeláns.

Asdo. Xoán Carlos González

 

Redondela 23 de decembro de 2016

Ler nova
O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

Nas últimas semanas o Partido Popular de Redondela, sacouse a careta, e deixou ver a súa verdadeira faciana. Nada de velar polos intereses dos e das redondeláns. Nada de poñer o debate e o diálogo enriba da mesa, como instrumento para a posta en común e a mellora das condicións para veciños e veciñas. Nada de permitir debates e diálogos “participativos”.

No 25 de novembro, data destacada no calendario anual en contra da violencia de xénero, no canto de participar nos actos reivindicativos ante as portas do Concello, a concelleira de servizos sociais e urbanismo, Mari Carmen Amoedo, acompañado do concelleiro de deportes, Julio Alonso formaron parte da comitiva que o PP despregou na sé da Deputación de Pontevedra. Tratouse dun acto partidista para presionar ao goberno provincial, unicamente para beneficio dos seus gobernos. Existen, pois, outras prioridades para membros do goberno municipal: primeiro o partido, despois o servizo público.

O día 1 de decembro, debe ser remarcado na historia do Partido Popular de Redondela. Amosando un servilismo de difícil parangón, escenificaron na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana o seu interese por instrumentalizar este ente, novamente en beneficio partidista.

Javier Bas, converteuse no “cabecilla” do abandono por parte dos representantes do Partido Popular desta Asemblea Constituínte. O alcalde de Redondela comprometérase en xunta de voceir@s en participar da Asemblea, e defender os intereses do noso concello. Amosando a súa faciana máis servil, humillou publicamente o cargo que representa. Volveu a prevalecer o interese por medrar dentro do partido, sobre os intereses colectivos.

Ese mesmo día, celebrouse o Pleno da Corporación. Ás once e cuarto da noite, tocaba o debate da moción presentada polo BNG sobre o catastrazo, e a demanda de formar a persoal do concello para asesorar á veciñanza. Dun xeito totalmente caprichoso, e autoritario, o alcalde de Redondela decidiu que non se ía debater.

Amosou, unha vez máis, que non lle vai permitir ao BNG expresar as demandas veciñais, máis que o legalmente exixíbel. Nada de diálogo, nin participación aberta. Ata agora, todo isto ten sido empregado para escenificar unha versión democrática, unicamente polo interese de gobernar.

O Bloque Nacionalista Galego, converteuse no verdadeiro inimigo e opositor do goberno de Javier Bas, quen vai poñer todos os medios ao seu alcance para tentar acalar á nosa organización.

Pola súa banda o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González afirmou que “non imos asistir ás xuntas de voceiros, que non sexan estritamente necesarias. Deixaremos de participar quincenalmente a unhas xuntanzas que a maior parte das veces non levan a ningún lado. Non lle imos facer o xogo ao goberno, querendo aparentar normalidade democrática, e en canto pode aplicar o rodo”.

Ler nova
Xoán Carlos González valora positivamente o cambio de parecer de AER e PSOE, na taxa reducida do lixo.

Xoán Carlos González valora positivamente o cambio de parecer de AER e PSOE, na taxa reducida do lixo.

O apoio ás alegacións presentadas por varios veciños, permite manter a taxa reducida para aqueles que se deben desprazar máis de cen metros.

Novamente o dereito dos veciños e veciñas a que se lles aplique a taxa reducida , por ter que desprazarse máis de cen metros dende a súa vivenda ata o contedor máis próximo, foi levada a Pleno. Debateuse a proposta de rexeitar as alegacións, cuestión á que o BNG sempre se opuxo.

As alegacións presentadas, respostaban á aprobación inicial plenaria, do mes de xullo. Daquela, os votos a favor de PP, as abstencións do PSOE e AER,  co único voto en contra do BNG, permitían a eliminación inicial desta taxa reducida de 36,5€ para quen se recolle diariamente o lixo, máis carece dun contenedor preto da súa casa.

Segundo o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, “en todo momento expresamos o noso rexeitamento a que se eliminara este dereito veciñal. Consideramos que se debe manter unha redución, mais o interese recadatorio do goberno de Javier Bas, pretendía eliminalo”.

Grazas á presentación de oito alegacións, volveu a debaterse a cuestión. Na xuntanza da Comisión de Facenda, repetiuse a votación: PP a favor, AER e PSOE abstencións, e BNG en contra.

Para o goberno de Javier Bas, a taxa “non ten sentido”, pois a recollida diaria chega a todas as vivendas da denominada Zoa A. “Os nosos argumentos seguen a ser os mesmos, afirma Xoán Carlos González. A decisión de modificación da ordenanza é unha resposta, a unha sentenza que lle daba a razón aos veciños e veciñas. Aínda hai xente que ten que camiñar máis de 100m. para botar o lixo. Claro que queren contribuír economicamente á recollida do lixo, mais se non é nas mesmas condicións, deben facer uso dunha redución da taxa, que nós apoiamos”.

Xoán Carlos González, valora moi positivamente que houbera un cambio de criterio, por parte das forzas que noutro momento se abstiveron. “Consideramos que ante unha inxustiza deste tipo, o importante era manter unha postura a favor da veciñanza.

 

Ler nova
O goberno redondelán promociona os refugallos.

O goberno redondelán promociona os refugallos.

Durante anos, o goberno do Partido Popular, construíron en Mañó, un vertedoiro ilegal con todo tipo de restos de obras, tubaxes, produtos contaminantes, aterros. Entornos como os dos ríos Pexegueiro e Maceiras, sofren a deixadez municipal.

“Non se pode eliminar o que se está a potenciar”. Deste xeito tan claro e conciso denunciamos a pasividade coa que actúa o goberno de Javier Bas, no control de verquidos  e refugallos. Consideramos no BNG que non existe unha verdadeira política medioambiental neste eido, “por que non entra dentro das súas prioridades de actuación”.

Denunciamos como o goberno municipal foi quen primeiro iniciou a “política de botar os refugallos, onde ninguén os vexa, sen ningún tipo de tratamento”. Facemos fincapé en como durante anos converteron os terreos municipais a carón do cemiterio de Mañó, “nun auténtico vertedoiro ilegal, actuando impunemente, sen ningún tipo de respecto medioambiental”.

A situación agravouse ao recuperar algúns camiños veciñais con restos de obras, ás que posteriormente se lles votaba unha capa de xabre, cemento, ou asfalto, cos que se agochaba o problema.

Nas últimas semanas “o fomento deste tipo de refugallos de obras, trasladouse a un espazo tan sensíbel como o entorno da Marisma, no río Pexegueiro”. Os restos de cemento, e asfalto levantado polas obras da Deputación na construción do complexo deportivo amontoáronse nesta zoa. O único que se fixo foi botar unha capa de terra por riba. “O goberno municipal de Redondela, no canto de forzar á recollida destes restos e ao seu tratamento, actuou con pasividade”.

Lembramos como as riadas do pasado inverno, tamén destaparon o uso de restos de obras e refugallos na senda do Maceiras.

Por todo isto consideramos dende o BNG que esta campaña unicamente se trata “dunha cortina de fume. O goberno de Javier Bas, é quen primeiro fomenta este tipo de verquidos incontrolados”.

Ler nova
Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

O concelleiro do BNG, denunciou que a convocatoria pola premura, e por realizarse ás dúas da tarde, impediu a participación veciñal. Apostou por unha convocatoria ordinaria, tal como recolle o regulamento orgánico do concello.

Un dos puntos que recollía a convocatoria plenaria do mércores 9 de novembro, era á da ratificación da urxencia do Pleno. Xoán Carlos González, converteuse no único concelleiro dos alí presentes, que votou en contra do formato de convocatoria. Argumentou que pola envergadura do contrato, algo máis de catro millón de euros, e pola trascendencia do mesmo, debería realizarse un Pleno ordinario e ás oito da tarde.

Aludiu, na súa intervención, ao artigo número 17 do ROC, que recolle que no mesmo mes pódense prantexar máis dun pleno ordinario. “Deste xeito permitiríase a asistencia de veciños e veciñas, a unha hora máis aceptábel”.

“Trátase dun novo exemplo da nocturnidade e alevosía coa que actúa este goberno municipal. Aprobaron os soldos dos concelleiros e concelleiras, nun pleno á unha da tarde no mes de xullo do 2015; aprobaron os orzamentos do 2016, ás dez da noite, en xunta de goberno o 30 de decembro do ano 2015. Agora amosan a súa falla de transparencia, convocando este pleno ás dúas da tarde, de xeito urxente e extraordinario”, afirma o concelleiro nacionalista.

No posterior debate sobre a aprobación do contrato, o concelleiro do BNG, aludíu que a “xestión directa dende o goberno municipal, facilitaría unha xestión máis transparente, na que se consolidarían os postos de traballo, e que mesmo persoas con discapacidade puideran acceder ao traballo neste servizo”.

Ler nova

Xoán Carlos González solicita maior información sobre a problemática do IES Mendiño.

Na mañá de hoxe, o concelleiro do BNG presentou por rexistro unha xeira de  preguntas dirixidas ao goberno municipal de Redondela.

Cuestións como "dende cando é coñecedor o equipo de goberno municipal desta problemática?; Cal, ou cales, foron as medidas tomadas polo goberno municipal de Redondela para subsanar ditas deficiencias? Ténse dirixido este goberno municipal á Consellaría de Ensino para mediar no conflicto? É coñecedor o goberno municipal, dunha problemática similar nos outros institutos do termo municipal de Redondela?", son algunha das cuestións prantexadas.

De igual xeito solicita, o concelleiro nacionalista, copia do convenio asinado entre o IES Mendiño e o goberno municipal de Redondela, para a limpeza e mantemento do pavillón deste instituto.

"O actual é o reflexo dunha problemática que xa se ben arrastrando nos últimos anos. Cónstanos que existe unha vontade de apoiar o deporte local por parte da dirección do centro, mais dende o goberno municipal todo teñen sido retrasos e peros", afirma Xoán Carlos González.

Ler nova
O BNG volve  demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.

O BNG volve demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.

A candidata Montse Prado, avogou por un cambio de goberno na Xunta “para dar resposta ás verdadeiras demandas sociais da cidadanía galega”.

Convocada pola organización nacionalista, desenvolveuse unha nova concentración diante deste equipamento de carácter social, licitado hai sete anos, rematado de construír hai catro, e cedida a súa xestión a unha empresa no 2015.

Varias ducias de veciños e veciñas concentráronse ante o Centro de Dia de Cesantes, para demandar a súa inmediata posta en funcionamento. O concelleiro Xoán Carlos González, afirmou que “varias visitas de Feijóo a Redondela, como presidente da Xunta e como presidente do Partido Popular, e ningún compromiso con este equipamento”. Na súa alocución reprochoulle ao alcalde Javier Bas, que no canto de defender os verdadeiros intereses do cuarto concello da provincia, “exercera como alcalde aplaudidor, e consentidor, ante esta verdadeira vergoña do PP”.

Pola súa banda, Montse Prado, deputada do BNG, e candidata por Pontevedra, salientou que “o do Centro de Día de Cesantes, é un claro exemplo do menosprezo co que o goberno da Xunta trata aos servizos sociais”. Referiuse á redución gradual dos orzamentos en políticas sociais co que os gobernos de Feijoó teñen actuado nestes sete anos. “Tratase dunha política indecente, posto que ataca na liña de flotación dun dereito básico de todos os galegos e galegas”.

Recordou que en varias ocasións o BNG levou diversas iniciativas ao Parlamento. “A resposta que se nos daba, aclarou Montse Prado, era que en Redondela non existía demanda dun Centro de Día. Algo lonxe da realidade, pois arredor dun 20% da poboación redondelá supera os 65 anos”.

“Encontrámonos diante dun edificio que debe dar resposta ás demandas de cincuenta usuarios e usuarias, das súas familias, e dun número importante de traballadores”, afirmou Prado, “mais o goberno do PP non quixo abrir o primeiro Centro público, do cuarto concello da provincia de Pontevedra”.

“Soamente un cambio de goberno da Xunta, do que o BNG vai formar parte, pode garantir que as políticas sociais estean verdadeiramente ao servizo da cidadanía”, afirmou na parte final da súa intervención a deputada do BNG. Emprazou, botar fóra ao PP, para poñer o goberno ao servizo dos galegos e galegas.

Membros da Asociación de Veciñ@s de Cesantes, que tamén participaron da concentración, dirixíronse aos congregados, demandando igualmente a apertura do Centro de Día, “porque se trata dun edificio feito cos cartos de todos nós, que leva pechado catro anos”.

Ler nova