Director

O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

Nas últimas semanas o Partido Popular de Redondela, sacouse a careta, e deixou ver a súa verdadeira faciana. Nada de velar polos intereses dos e das redondeláns. Nada de poñer o debate e o diálogo enriba da mesa, como instrumento para a posta en común e a mellora das condicións para veciños e veciñas. Nada de permitir debates e diálogos “participativos”.

No 25 de novembro, data destacada no calendario anual en contra da violencia de xénero, no canto de participar nos actos reivindicativos ante as portas do Concello, a concelleira de servizos sociais e urbanismo, Mari Carmen Amoedo, acompañado do concelleiro de deportes, Julio Alonso formaron parte da comitiva que o PP despregou na sé da Deputación de Pontevedra. Tratouse dun acto partidista para presionar ao goberno provincial, unicamente para beneficio dos seus gobernos. Existen, pois, outras prioridades para membros do goberno municipal: primeiro o partido, despois o servizo público.

O día 1 de decembro, debe ser remarcado na historia do Partido Popular de Redondela. Amosando un servilismo de difícil parangón, escenificaron na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana o seu interese por instrumentalizar este ente, novamente en beneficio partidista.

Javier Bas, converteuse no “cabecilla” do abandono por parte dos representantes do Partido Popular desta Asemblea Constituínte. O alcalde de Redondela comprometérase en xunta de voceir@s en participar da Asemblea, e defender os intereses do noso concello. Amosando a súa faciana máis servil, humillou publicamente o cargo que representa. Volveu a prevalecer o interese por medrar dentro do partido, sobre os intereses colectivos.

Ese mesmo día, celebrouse o Pleno da Corporación. Ás once e cuarto da noite, tocaba o debate da moción presentada polo BNG sobre o catastrazo, e a demanda de formar a persoal do concello para asesorar á veciñanza. Dun xeito totalmente caprichoso, e autoritario, o alcalde de Redondela decidiu que non se ía debater.

Amosou, unha vez máis, que non lle vai permitir ao BNG expresar as demandas veciñais, máis que o legalmente exixíbel. Nada de diálogo, nin participación aberta. Ata agora, todo isto ten sido empregado para escenificar unha versión democrática, unicamente polo interese de gobernar.

O Bloque Nacionalista Galego, converteuse no verdadeiro inimigo e opositor do goberno de Javier Bas, quen vai poñer todos os medios ao seu alcance para tentar acalar á nosa organización.

Pola súa banda o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González afirmou que “non imos asistir ás xuntas de voceiros, que non sexan estritamente necesarias. Deixaremos de participar quincenalmente a unhas xuntanzas que a maior parte das veces non levan a ningún lado. Non lle imos facer o xogo ao goberno, querendo aparentar normalidade democrática, e en canto pode aplicar o rodo”.

Ler nova
Xoán Carlos González valora positivamente o cambio de parecer de AER e PSOE, na taxa reducida do lixo.

Xoán Carlos González valora positivamente o cambio de parecer de AER e PSOE, na taxa reducida do lixo.

O apoio ás alegacións presentadas por varios veciños, permite manter a taxa reducida para aqueles que se deben desprazar máis de cen metros.

Novamente o dereito dos veciños e veciñas a que se lles aplique a taxa reducida , por ter que desprazarse máis de cen metros dende a súa vivenda ata o contedor máis próximo, foi levada a Pleno. Debateuse a proposta de rexeitar as alegacións, cuestión á que o BNG sempre se opuxo.

As alegacións presentadas, respostaban á aprobación inicial plenaria, do mes de xullo. Daquela, os votos a favor de PP, as abstencións do PSOE e AER,  co único voto en contra do BNG, permitían a eliminación inicial desta taxa reducida de 36,5€ para quen se recolle diariamente o lixo, máis carece dun contenedor preto da súa casa.

Segundo o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, “en todo momento expresamos o noso rexeitamento a que se eliminara este dereito veciñal. Consideramos que se debe manter unha redución, mais o interese recadatorio do goberno de Javier Bas, pretendía eliminalo”.

Grazas á presentación de oito alegacións, volveu a debaterse a cuestión. Na xuntanza da Comisión de Facenda, repetiuse a votación: PP a favor, AER e PSOE abstencións, e BNG en contra.

Para o goberno de Javier Bas, a taxa “non ten sentido”, pois a recollida diaria chega a todas as vivendas da denominada Zoa A. “Os nosos argumentos seguen a ser os mesmos, afirma Xoán Carlos González. A decisión de modificación da ordenanza é unha resposta, a unha sentenza que lle daba a razón aos veciños e veciñas. Aínda hai xente que ten que camiñar máis de 100m. para botar o lixo. Claro que queren contribuír economicamente á recollida do lixo, mais se non é nas mesmas condicións, deben facer uso dunha redución da taxa, que nós apoiamos”.

Xoán Carlos González, valora moi positivamente que houbera un cambio de criterio, por parte das forzas que noutro momento se abstiveron. “Consideramos que ante unha inxustiza deste tipo, o importante era manter unha postura a favor da veciñanza.

 

Ler nova
O goberno redondelán promociona os refugallos.

O goberno redondelán promociona os refugallos.

Durante anos, o goberno do Partido Popular, construíron en Mañó, un vertedoiro ilegal con todo tipo de restos de obras, tubaxes, produtos contaminantes, aterros. Entornos como os dos ríos Pexegueiro e Maceiras, sofren a deixadez municipal.

“Non se pode eliminar o que se está a potenciar”. Deste xeito tan claro e conciso denunciamos a pasividade coa que actúa o goberno de Javier Bas, no control de verquidos  e refugallos. Consideramos no BNG que non existe unha verdadeira política medioambiental neste eido, “por que non entra dentro das súas prioridades de actuación”.

Denunciamos como o goberno municipal foi quen primeiro iniciou a “política de botar os refugallos, onde ninguén os vexa, sen ningún tipo de tratamento”. Facemos fincapé en como durante anos converteron os terreos municipais a carón do cemiterio de Mañó, “nun auténtico vertedoiro ilegal, actuando impunemente, sen ningún tipo de respecto medioambiental”.

A situación agravouse ao recuperar algúns camiños veciñais con restos de obras, ás que posteriormente se lles votaba unha capa de xabre, cemento, ou asfalto, cos que se agochaba o problema.

Nas últimas semanas “o fomento deste tipo de refugallos de obras, trasladouse a un espazo tan sensíbel como o entorno da Marisma, no río Pexegueiro”. Os restos de cemento, e asfalto levantado polas obras da Deputación na construción do complexo deportivo amontoáronse nesta zoa. O único que se fixo foi botar unha capa de terra por riba. “O goberno municipal de Redondela, no canto de forzar á recollida destes restos e ao seu tratamento, actuou con pasividade”.

Lembramos como as riadas do pasado inverno, tamén destaparon o uso de restos de obras e refugallos na senda do Maceiras.

Por todo isto consideramos dende o BNG que esta campaña unicamente se trata “dunha cortina de fume. O goberno de Javier Bas, é quen primeiro fomenta este tipo de verquidos incontrolados”.

Ler nova
Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

O concelleiro do BNG, denunciou que a convocatoria pola premura, e por realizarse ás dúas da tarde, impediu a participación veciñal. Apostou por unha convocatoria ordinaria, tal como recolle o regulamento orgánico do concello.

Un dos puntos que recollía a convocatoria plenaria do mércores 9 de novembro, era á da ratificación da urxencia do Pleno. Xoán Carlos González, converteuse no único concelleiro dos alí presentes, que votou en contra do formato de convocatoria. Argumentou que pola envergadura do contrato, algo máis de catro millón de euros, e pola trascendencia do mesmo, debería realizarse un Pleno ordinario e ás oito da tarde.

Aludiu, na súa intervención, ao artigo número 17 do ROC, que recolle que no mesmo mes pódense prantexar máis dun pleno ordinario. “Deste xeito permitiríase a asistencia de veciños e veciñas, a unha hora máis aceptábel”.

“Trátase dun novo exemplo da nocturnidade e alevosía coa que actúa este goberno municipal. Aprobaron os soldos dos concelleiros e concelleiras, nun pleno á unha da tarde no mes de xullo do 2015; aprobaron os orzamentos do 2016, ás dez da noite, en xunta de goberno o 30 de decembro do ano 2015. Agora amosan a súa falla de transparencia, convocando este pleno ás dúas da tarde, de xeito urxente e extraordinario”, afirma o concelleiro nacionalista.

No posterior debate sobre a aprobación do contrato, o concelleiro do BNG, aludíu que a “xestión directa dende o goberno municipal, facilitaría unha xestión máis transparente, na que se consolidarían os postos de traballo, e que mesmo persoas con discapacidade puideran acceder ao traballo neste servizo”.

Ler nova

Xoán Carlos González solicita maior información sobre a problemática do IES Mendiño.

Na mañá de hoxe, o concelleiro do BNG presentou por rexistro unha xeira de  preguntas dirixidas ao goberno municipal de Redondela.

Cuestións como "dende cando é coñecedor o equipo de goberno municipal desta problemática?; Cal, ou cales, foron as medidas tomadas polo goberno municipal de Redondela para subsanar ditas deficiencias? Ténse dirixido este goberno municipal á Consellaría de Ensino para mediar no conflicto? É coñecedor o goberno municipal, dunha problemática similar nos outros institutos do termo municipal de Redondela?", son algunha das cuestións prantexadas.

De igual xeito solicita, o concelleiro nacionalista, copia do convenio asinado entre o IES Mendiño e o goberno municipal de Redondela, para a limpeza e mantemento do pavillón deste instituto.

"O actual é o reflexo dunha problemática que xa se ben arrastrando nos últimos anos. Cónstanos que existe unha vontade de apoiar o deporte local por parte da dirección do centro, mais dende o goberno municipal todo teñen sido retrasos e peros", afirma Xoán Carlos González.

Ler nova
O BNG volve  demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.

O BNG volve demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.

A candidata Montse Prado, avogou por un cambio de goberno na Xunta “para dar resposta ás verdadeiras demandas sociais da cidadanía galega”.

Convocada pola organización nacionalista, desenvolveuse unha nova concentración diante deste equipamento de carácter social, licitado hai sete anos, rematado de construír hai catro, e cedida a súa xestión a unha empresa no 2015.

Varias ducias de veciños e veciñas concentráronse ante o Centro de Dia de Cesantes, para demandar a súa inmediata posta en funcionamento. O concelleiro Xoán Carlos González, afirmou que “varias visitas de Feijóo a Redondela, como presidente da Xunta e como presidente do Partido Popular, e ningún compromiso con este equipamento”. Na súa alocución reprochoulle ao alcalde Javier Bas, que no canto de defender os verdadeiros intereses do cuarto concello da provincia, “exercera como alcalde aplaudidor, e consentidor, ante esta verdadeira vergoña do PP”.

Pola súa banda, Montse Prado, deputada do BNG, e candidata por Pontevedra, salientou que “o do Centro de Día de Cesantes, é un claro exemplo do menosprezo co que o goberno da Xunta trata aos servizos sociais”. Referiuse á redución gradual dos orzamentos en políticas sociais co que os gobernos de Feijoó teñen actuado nestes sete anos. “Tratase dunha política indecente, posto que ataca na liña de flotación dun dereito básico de todos os galegos e galegas”.

Recordou que en varias ocasións o BNG levou diversas iniciativas ao Parlamento. “A resposta que se nos daba, aclarou Montse Prado, era que en Redondela non existía demanda dun Centro de Día. Algo lonxe da realidade, pois arredor dun 20% da poboación redondelá supera os 65 anos”.

“Encontrámonos diante dun edificio que debe dar resposta ás demandas de cincuenta usuarios e usuarias, das súas familias, e dun número importante de traballadores”, afirmou Prado, “mais o goberno do PP non quixo abrir o primeiro Centro público, do cuarto concello da provincia de Pontevedra”.

“Soamente un cambio de goberno da Xunta, do que o BNG vai formar parte, pode garantir que as políticas sociais estean verdadeiramente ao servizo da cidadanía”, afirmou na parte final da súa intervención a deputada do BNG. Emprazou, botar fóra ao PP, para poñer o goberno ao servizo dos galegos e galegas.

Membros da Asociación de Veciñ@s de Cesantes, que tamén participaron da concentración, dirixíronse aos congregados, demandando igualmente a apertura do Centro de Día, “porque se trata dun edificio feito cos cartos de todos nós, que leva pechado catro anos”.

Ler nova