Alegación contra a renovación de autorización ambiental de Aucosa na Ría de Vigo.

Aucosa na Ría de Vigo
Alegación contra a renovación de autorización ambiental de Aucosa na Ría de Vigo.

No DOG do 4 de Xaneiro de 2013 publicouse anuncio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo cal se somete a información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada presentada por Auxiliar Conservera S.A para unha planta de elaboración de fariñas e aceites de peixe, localizada no Concello de Redondela.

Unha vez examinada a documentación que obra no expediente, Xavier Balsas Barbeira, en nome e representación do Bloque Nacionalista Galego e con enderezo a efectos de notificación na Praza da Constitución 1 entrechan, 36800 Redondela ten a ben facer as seguintes alegacións:

A empresa Auxiliar Conservera desenvolve a súa actividade nunhas instalacións que se atopan dentro da proposta de Rede Natura 2000, como LIC denominado Enseada de San Simón, zona que debería de gozar dunha especial protección ambiental.

A actividade desenvolvida nas instalacións de Auxiliar Conserveira non precisa da súa ubicación na franxa costeira pois tanto o transporte das materias primas como do produto elaborado non se realiza por vía marítima. Esta circunstancia debería levar a que por parte dos seus responsábeis se buscasen ubicacións alternativas. O martes 5 de febreiro o Presidente da Autoridade Portuaria declaraba a un medio de comunicación : “ as primeiras parcelas urbanizadas da Plisan estarán dirixidas a empresas ligadas á actividade portuaria no eido da loxistica e a transformación”.

A empresa Auxiliar Conserveira presentou, no seu momento, no concello de Redondela solicitude de adición de novos efeitos ao proxecto inicial, e aínda que renunciou á mesma, é preocupante que se se lles renova a autorización ambiental integrada retomen a ampliación antes mencionada o que, en caso de calquera accidente, pode ter consecuencias aínda moito máis negativas para un medio tan sensíbel como é a ria de Vigo, espazo protexido dentro da Rede Natura.

A día de hoxe existe unha especial sensibilidade social en torno á protección do noso medio mariño e natural. O conxunto da cidadanía demanda un desenvolvemento industrial en consonancia co respeito ao noso entorno natural. A Ría de Vigo, e en especial a Enseada de San Simón, teñen acadado índices de presión tanto da actividade industrial como humana, que xa non se poden seguir aumentando. Dende o BNG, facéndonos eco desta demanda cidadá e social, presentamos esta alegación.

Por todo o anterior, dende o Bloque Nacionalista Galego, demandamos que se arquive a solicitude da Auxiliar Conserveira, e non se lle renove a autorización ambiental integrada.

Aucosa na Ría De Vigo

Alegación contra a renovación de autorización ambiental de Aucosa na Ría de Vigo.