O BNG considera “neglixente” a actuación da concesionaria do SAF en Redondela.

Xoan Carlos Servizos Sociais
Xoan Carlos na concentración pola apertura de Servizos Sociais na nova sede.

Xoán Carlos González demanda ao goberno de Digna Rivas que estudie sancións, por expoñer tanto a traballadoras como a usuarios e usuarias de posíbeis contaxios, negando os EPIs necesarios.

O BNG considera “neglixente” a actuación da concesionaria do SAF en Redondela.

Durante os meses que durou o confinamento decretado polo “estado de alarma”, motivado pola extensión da epidemia do Coroavirus, dende o Bloque Nacionalista Galego, realizouse un seguimento da xestión da empresa Sacyr, xestora do Servizo de Axuda no Fogar no concello de Redondela. “Advertíusenos que as traballadoras da empresa, un total de 45 sentíanse abandonadas pola empresa ao non dotárselles de suficientes equipos de protección individual”, apunta o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González. Malia que houbo un intento de negociación por parte de representantes do sindicato CIG, a empresa limitouse a cederlles un equipo ao mes a cada unha delas.

“Segundo a información que recabamos, a inquedanza medrou entre os propios usuarios e usuarias, tomando algunhas familias a decisión de darse de baixa temporalmente no servizo, ata que a situación se normalizara”, engade o edil do BNG. Apunta que aos que normalmente atende a concesionaria do servizo do Concello de Redondela, “engadíronse algúns procedentes dos Centros de Día que se viron forzados a quedar confinados nos seus fogares”.

Malia as presións das traballadoras e dos representantes sindicais, dende Sacyr non se tomou ningunha iniciativa. “Entendemos que o goberno de Digna Rivas, era coñecedor da situación dende o primeiro momento”, apunta Xoán Carlos González. O sindicato viuse obrigado a denunciar ante a inspección de traballo á empresa, e as condicións laborais das empregadas. A resposta veu dada por un Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social, advertindo á empresa das recomendacións sanitarias a instaurar. “En dito informe recóllese que a empresa debe subministrar en todo momento de EPIs, ás traballadoras, garantir a información e formación sobre o uso dos mesmos, ademais de permitir aos representantes das traballadoras todo tipo de información”, apunta o voceiro do BNG.

Despois de estudiar toda a información do sucedido nos últimos meses, dende o grupo municipal do BNG, consideran que se trata de actuacións “manifestamente neglixentes por parte de Sacyr, tanto coas traballadoras como cos usuarios e usuarias”. emprazan ao goberno de Digna Rivas “a estudiar posíbeis sancións en base ao Prego de Prescricións Técnicas que rexen a contratación da empresa do Servizo de Axuda no Fogar”, rematan na súa nota.

 

 

O BNG considera “neglixente” a actuación da concesionaria do SAF en Redondela.