O BNG, cualifica de “extremadamente grave” a situación da Traída de Augas de Quintela

O voceiro municipal Xoan Carlos González
O voceiro municipal Xoan Carlos González

O voceiro municipal Xoán Carlos González, insta ao goberno de Digna Rivas a tomar cartas no asunto “pois dende o un de setembro recoméndase non consumir a auga da billa”.

O BNG, cualifica de “extremadamente grave” a situación da Traída de Augas de Quintela

A situación dalgunhas Comunidades de Auga no concello de Redondela, estase a seguir con preocupación dende a organización nacionalista, “ao non contar dende hai anos con subvencións municipais para diferentes obras e reparación de avarías”. Consideran que é xa o momento de pórlle punto final a esta situación.

Para o BNG, estas asociacións que subministran auga de consumo humano á metade da poboación de Redondela, “deben contar co respaldo económico municipal, pois están suplindo o papel que lle correspondería á administración”. En moitos casos, as obras de ampliación, renovación, ou mesmo o arranxo de avarías, deben ser afrontadas con aportacións extraordinarias dos usuarios e usuarias. Nin o actual goberno municipal nin o anterior amosaron interese en colaborar economicamente coas Traídas.

O voceiro municipal, Xoán Carlos González, cualifica de “extremadamente grave” a situación da Traída de Augas de Quintela, que xestiona a auga dunhas duascentas vivendas. “Nos últimos veráns sufriron importantes restricións no consumo, posto que a parte alta da parroquia chegou a quedar sen auga. Agora, dende o primeiro de setembro a directiva aconsellou aos comuneiros e comuneiras, non consumir directamente da billa por mor dos baixos niveis en diferentes parámetros de salubridade”. Salienta que dende a Comunidade estase actuando con responsabilidade, asumindo diversas obras de mellora, como a instalación de clorímetros.

“Estamos a falar de subministrar auga para o consumo humano ao cincuenta por cento da poboación, a maioría delas veciños e veciñas das parroquias, e o goberno de Digna Rivas, debe mollarse”, afirma o edil do BNG. Comprométese a seguir traballando para recuperar as subvencións ás Traídas de Augas, afirmando que “se se quere negociar co BNG os orzamentos do ano 2021, unha das propostas que se debe recoller consiste nunha dotación de 50.000€, para subvencións ás Comunidades de Augas”.

O BNG, cualifica de “extremadamente grave” a situación da Traída de Augas de Quintela