O BNG propón a humanización integral con carril bici da Avenida Mendiño.

Avda Mendiño
Avda de Mendiño
Xoán Carlos González afirma “que se trata dunha oportunidade para convertela nun espazo urbano para a veciñanza. O Proxecto da Xunta, crea zoas de primeira e de segunda”
O BNG propón a humanización integral con carril bici da Avenida Mendiño.

Propoñen,  ademais, de que a estrada pase a titularidade municipal.

Dende a organización nacionalista veñen de analizar a proposta de renovación da Avenida Mendiño, elaborado pola Consellaría de Infraestruturas. Para tal fin, remitiuse no mes de marzo un Convenio, no que o Concello debe aboar 433.000€ dun total de 1’6 millóns de euros.

O Proxecto contempla a construción dunha rotonda no acceso a Redondela dende a

N-552, e a partir de aí ata a que xa existe no acceso a pavillóns e institutos, aumentan a beirarrúas empedradas, a costa de eliminar o arborado actualmente existente. A partir desa rotonda ata o Centro de Saúde as beirarrúas actuais cámbianse por firme feito en cemento. Dende aquí ao Peirao de Cesantes, practicamente só se renova o asfalto, sen que se melloren os espazos de mobilidade peonil.

Para os nacionalistas, no seu treito inicial desenvólvese unha actuación “fastuosa”, mesmo renovando todo o aparcadoiro da explanada con beirarrúas empedradas na marxe do río, e ata diante da depuradora. Paseniñamente o proxecto perde “categoría”, para quedar a zona da avenida Mendiño, onde se concentran vivendas, varios negocios de hostalaría e o Centro de Día, practicamente igual a actualidade.

Tálanse os plataneiros, para gañar espazo ao aparcadoiro, “e malia que plantan árbores de baixo porte, o acceso escolar, e de esparcemento vai quedar claramente afogado en  contradición coa concepción de cidade amable, roteiros accesíbeis, e cidade da infancia polas que cómpre apostar realmente”, manifestan.

O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González xustifica a decisión de non votar a favor do Convenio de Colaboración como si fixeron PP, PSOE, AER,  “ademais de porque non podemos apoiar que se cren zonas de primeira e segunda división. A veciñanza de Cesantes, tamén ten dereito a non ter que convivir con coches na porta da casa”.

Apunta igualmente o edil nacionalista “a proposta de crear un carril bici ao longo de toda a estrada para convertela nunha verdadeira estrada humanizada, por onde a veciñanza poida moverse comodamente dende o centro de Redondela, ata un espazo de lecer  como o Peirao, a Praia de Cesantes, e o futuro Paseo. Ademais unha vez feita a obra, podería pasar perfectamente a titularidade municipal, apunta”.

Finalmente dende o BNG consideran como única posibilidade de modificar substancialmente o Proxecto da Avenida Mendiño nun cambio de goberno na Xunta que priorice a mobilidade peonil e en bicicleta, sobre o coche particular.

O BNG propón a humanización integral con carril bici da Avenida Mendiño.