Satisfacción no BNG de Redondela pola posta en marcha do saneamento en Soutoxuste.

Satisfacción no BNG de Redondela pola posta en marcha do saneamento en Soutoxuste.

Dous anos despois do remate da obra, xa se poden dar de alta as conexións.

Os veciños e veciñas do barrio de Soutoxuste, na parroquia de O Viso, xa poden conectarse á rede municipal de saneamento. Dous anos despois de rematadas as obras, cúmprense todos os requisitos para que unhas 150 vivendas, poidan facer uso desta infraestrutura de primeira necesidade. Na obra incluíase un colector principal, con varios ramais secundarios, xunto á instalación dunha depuradora e varios bombeos para as casas máis baixas do barrio.

A alta definitiva da rede de saneamento en Soutoxuste, supón un motivo de  satisfacción entre as filas do Bloque Nacionalista Galego, pois se trata dunha obra iniciada e rematada antes de maio de 2011.

No seu momento, no BNG denunciamos a desidia do goberno de Javier Bas, pois ían pasando os meses e non había un acordo definitivo por parte das administracións implicadas. Dende a nosa organización emprazamos a que o alcalde, rematara con este incertidume.

Xa en varias das xuntanzas do Consello Parroquial, os colectivos tamén expresaron a súa preocupación pola necesidade do remate desta importante obra.

Segundo palabras do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Angel Álvarez Ballesteros, “os veciños e veciñas xa poden solicitar a conexión ás súas vivendas”.Contradín estas declaracións, ao expresado por este mesmo concelleiro no Pleno do mes de xuño, cando afirmou que “non existía saneamento feito polo anterior goberno do BNG”. Trátase, a todas luces dunha falsidade que agora se demostra, por parte do concelleiro de Medio Ambiente,  pois a obra xa estaba rematada no momento en que o PP asumiu a alcaldía de Redondela.

Unha boa mostra, esta rede de saneamento en Soutoxuste, da xestión directa do BNG no goberno municipal, da que agora os veciños e veciñas xa poden facer uso.

Satisfacción no BNG de Redondela pola posta en marcha do saneamento en Soutoxuste.