casco-vello
UNKNOWN
IMG-20161209-WA0007

O BNG solicita un Plan de Limpeza do Casco Vello de Redondela.

“Preténdese evitar esvaramentos en rúas, calellas e escaleiras empedradas marcadas polo seu desnivel, por onde transita diariamente numerosos veciños e veciñas”.

Nun escrito presentado ao alcalde de Redondela, o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González demanda un Plan de Limpeza para “unha parte importante do Casco Vello da Vila”. Preténdese evitar posíbeis esvaramentos de peóns, en rúas, calellas e escaleiras empedradas cun desnivel pronunciado.

No seu argumentario o concelleiro nacionalista, recorda como grande parte de  Redondela, medrou arredor da súa zoa máis elevada. Os desniveis ata a parte máis baixa da Vila, solucionáronse coa construción de rúas, calellas, escaleiras en pedra. “O inverno é propicio para que aumente o risco de esvaramentos, pois ao aumentar o volume de moitos edificios, as zoas sombrías predominan durante esta época do ano”.

Recorda Xoán Carlos González que estas rúas, calellas e escaleiras, son transitadas a diario por numerosos veciños e veciñas, que se desprazan dende a parte alta ata a máis baixa de Redondela para realizar diversas actividades da súa vida diaria. “Moitas delas, son persoas maiores, que teñen que pasar en ocasións por zoas esvaradías. Pretendemos que se eviten situacións potencialmente perigosas”, sinala.

Para o BNG este Plan de Limpeza do Casco Vello, debería realizarse preferentemente con maquinaria a presión. “Deixamos en mans dos técnicos municipais a posíbel solución, para que se realice un plan axeitado, co fin de evitar actuacións agresivas sobre o patrimonio, como ten sucedido noutras ocasións”.

Para Xoán Carlos González este Plan de Limpeza do Casco Vello debería incluír dende o entorno da rúa Alfonso XII, rúa Ribeira, Praza da Constitución, cara á parte alta da Vila: rúa Prata, Esfarrapada, zoa de Eidos, entorno da Igrexa. Recorda que no canto de cumprir as súas responsabilidades, o goberno de Javier Bas agarda a que lle recorden dende a oposición as súas obrigas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Redondela.

Ler novas