O BNG de Redondela considera que o goberno municipal claudica ante os intereses de Sacyr

O voceiro municipal Xoan Carlos González
O voceiro municipal Xoan Carlos González

Xoán Carlos González, afirma que se cede á petición da empresa de non prorrogar o contrato de limpeza de edificios municipais, “unicamente porque non lle é rendíbel economicamente”

O BNG de Redondela considera que o goberno municipal claudica ante os intereses de Sacyr

No Pleno de novembro, un dos puntos que maior polémica suscitou, referiuse á proposta da concesionaria de limpeza de edificios municipais, Sacyr, de non prorrogar dous anos máis de contrato. Os votos de PSOE e AER e a abstención do PP, permitiron que a empresa se desvincule do asinado en decembro de 2016.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego, decidiu non apoiar a proposta, “porque vai en contra dos intereses económicos municipais”, afirma o voceiro nacionalista. “A única razón que se esgrimiu, residía en que o contrato xa non lle era rendíbel economicamente a Sacyr”, desvela.

Para o edil nacionalista, trátase dun feito moi sintomático, da actitude do goberno de Digna Rivas, coas concesionarias. “Dende o BNG, somos conscientes que o servizo prestado por esta concesionaria de limpeza de edificios municipais era moi deficiente, mais existen diferentes instrumentos, como un réxime sancionador, para forzala a cumprir o seu contrato”, engade.

Entende o edil nacionalista que ao goberno, correspóndelle un seguimento estrito do servizo, e defender os intereses da veciñanza. “Con esta decisión, a quen se beneficia é á empresa”, considera.

Recorda que Sacyr gañou o concurso público para asumir a limpeza de edificios municipais, cunha diferenza anual duns 30.000 euros, respecto a outras empresas. Ese aforro, vaise perder, no caso de que se volva a celebrar un concurso de concesión.

Cuestiona igualmente, que o goberno municipal se decante por contratar unha empresa para a elaboración do pregos de prescricións técnicas do novo contrato, “cando ata agora realizábase por técnicos municipais”.

Dende o BNG, seguen considerando que a xestión directa do servizo de limpeza, é factible economicamente, máis xusta laboralmente, e máis social. “Na negociación dos orzamentos do ano 2021, non imos pasar máis que por recuperar a xestión directa deste servizo”, remata na súa nota Xoán Carlos González

O BNG de Redondela considera que o goberno municipal claudica ante os intereses de Sacyr